Amadriña ou apadriña un jalpón no XV Festival de Cans

O Festival de Cans traballa a contrarreloxo tratando de buscar patrocinadores privados que poidan facer achegas para tratar de completar o orzamento do evento. Dende esta mesma semana, a Asociación Arela -organizadora do festival- pon en marcha a campaña “Apadriña un jalpón”, buscando empresas que busquen unha repercusión publicitaria asociando a súa marca aos jalpóns de proxección do festival, que se celebrará entre o 23 e o 26 de maio.

O pasado ano, esta campaña tivo unha gran demanda, e varios patrocinadores tiveron que quedar fóra a última hora, xa que só hai 8 jalpóns disponibles para apadriñar ou amadriñar e as adxudicacións lévanse a cabo por orde de petición.

Ademais, nesta XV edición, incorporarase ao Torreiro de Cans unha nova pantalla led xigante que permitirá tamén a opción de proxectar spots de empresas nas horas de maior concurrencia do festival.

Os interesados e interesadas poden ver as diferentes opcións de patrocinio no seguinte link: http://www.festivaldecans.gal/gl/queres-patrocinar/ e poñerse en contacto coa organización a través das redes sociais do festival ou escribindo a patrocina@festivaldecans.com.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

19 − 18 =