Coloquios/Encontros
Escolle actividade: Coloquios no torreiro | Encontros dálle caña | Encontros AISGE con actores/actrices | Masterclass subtitulado/accesibilidade | Vídeocoloquio: Os cen mellores documentais de rock | Mesa proxecta: a arte de programar | Café con Crea | Lendocine| A que andas? | Fillos e fillas de Cans
COLOQUIO NO TORREIRO

Sábado 20 | 12 h. | Torreiro de Cans
Con Antonio Durán “Morris”, e outros actores e cineastas que recibiron premios de honra ó longo dos vinte anos do Festival de Cans. Unha conversa aberta ó público sobre a evolución do festival, a súa proxección e os grandes momentos vividos nesta aldea. Un reencontro con vellos amigas e amigos no que seguro vai haber emocións fortes. Unha celebración especial no Torreiro, espazo emblemático do noso certame. Antonio Durán “Morris” é un dos grandes actores galegos. Foi membro do xurado na histórica primeira edición do Festival de Cans e recibiu o Premio Pedigree en 2012.
MASTERCLASS SOBRE SUBTITULADO E ACCESIBILIDADE

Martes 16 | 10.15 h. | Baixo de Carlos
A metodoloxía que está desenvolvendo o realizador e profesor Pablo Romero-Fresco sobre os procesos de subtitulado é unha das maiores achegas en investigación na industria audiovisual galega dos últimos anos. Ofrecerá unha clase maxistral na que falará de subtitulado desde dúas vías: a da súa importancia para que o público con dificultades de visión e audición poida comprender os filmes, e a da oportunidade de proxección das linguas minorizadas a partir dun subtitulado correcto.
ENCONTROS AISGE CON ACTORES E ACTRICES
Os encontros de AISGE convertéronse nun dos grandes clásicos do Festival de Cans. Trátase dun ciclo de tres coloquios que poñen en valor o traballo de actores e actrices e constitúen un lugar de intercambio de ideas tamén entre profesionais da interpretación. Neles rescatamos figuras esquecidas, promovemos o debate ou, noutros casos, lembramos efemérides relevantes. Un espazo ideado para achegar ó público aspectos menos visibles do oficio dos e das intérpretes e para reflexionar sobre o seu papel na industria audiovisual.


Martes 16 | 12 h. | Baixo de Carlos
Case vinte anos despois da súa morte, de Roberto Vidal Bolaño (1950-2002) aínda queda moito que dicir, e todo bo. Polo seu traballo de actor e dramaturgo dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 2013, pero Vidal Bolaño sempre tivo alma de cineasta. Formou parte do histórico equipo Lupa, pioneiro nos anos 70 do cinema galego rodado en Súper 8, e do elenco de filmes coma Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, co que tivo unha estreita relación. O seu fillo Roi Vidal Ponte, a actriz coa que compartiu vida, Laura Ponte, e o actor e profesor Antonio Mourelos proporannos unha reflexión arredor desta figura imprescindible.


Xoves 18 | 12 h. | Baixo de Carlos
En xullo de 1998 comezou a rodaxe de Mareas vivas, título que marcaría un punto de inflexión na ficción audiovisual en Galicia. Neste 25º aniversario da súa estrea, sentamos nunha mesa a varias das actrices que tiveron papeis relevantes na serie. O obxectivo é dar visibilidade e reivindicar aquel traballo case pioneiro e debater, coa perspectiva do tempo, temas coma a barreira da idade nos papeis das actrices, no contexto da decadencia na produción de series de ficción na TVG, ou a eclosión das plataformas de pago. Contaremos coa presenza das intérpretes Ana Santos, Sonia Castelo, Camila Bossa e Isabel Blanco, tamén delegada da Fundación AISGE en Galicia.

Venres 19 | 11.30 h. | Baixo de Carlos
Diego Anido, candidato ó Goya ó Mellor Actor de Reparto polo seu papel de Lorenzo en As bestas, de Rodrigo Sorogoyen, é un dos actores dos que máis e mellor se leva falado este ano. Tamar Novas conseguiu o Goya ó Actor Revelación en 2005, por Mar Adentro, de Alejandro Amenábar, e continúa unha carreira de éxito en numerosos filmes e series. O momento actual das súas traxectorias é un punto de partida interesante para conversar con calma arredor do oficio da interpretación e do grato e o ingrato dunha profesión con moitas luces, pero ás veces tamén con bastantes sombras. Unha testemuña de primeira man con dous dos actores galegos máis recoñecidos na actualidade.
ENCONTROS DÁLLE CAÑA!

Nos encontros Dálle caña! xuntamos ós realizadores e realizadoras das categorías a competición para compartir unha cervexa Estrella Galicia e falar co público sobre as súas creacións nun ambiente ameno e distendido.
Martes 16 | 19 h. | Auditorio Centro Cultural Municipal de Porriño
Encontro coas realizadoras e os realizadores dos videoclips a concurso.
Mércores 17 | 18.30 h. | Torreiro de Cans
Encontro coas realizadoras e os realizadores da sección Novas Camadas.
Sábado 20 | 16 h. | Torreiro de Cans
Encontro coas realizadoras e os realizadores das seccións Ficción e Animación.
Sábado 20 | 17.30 h. | Torreiro de Cans
Encontro coas realizadoras e os realizadores da sección FuraCans.
VIDEOCOLOQUIO. OS CEN MELLORES DOCUMENTAIS DO ROCK

Martes 16 | 20.30 h. | Centro Cultural Municipal do Porriño
O escritor e investigador galego Xavier Valiño é un dos grandes xornalistas musicais españois. O seu libro Los 100 mejores documentales del rock (Efe Eme) serviranos de punto de partida para este videocoloquio onde Valiño nos vai guiar, a través de imaxes, pola evolución dos documentais musicais. Desde o nacemento do rock´n roll, o cinema sempre foi con el, documentando o que se movía ao redor. Falaremos de cinema vérité —con Bob Dylan en Don’t look back— , de grandes figuras coma Elvis ou festivais pioneiros coma Woodstock, de realizadores consagrados coma Martin Scorsese —El último vals— ou Jonathan Demme —Stop making sense—. Un paseo en imaxes imprescindible ó ritmo de pop, soul, punk, hip hop, heavy metal, blues ou reggae. Se amas o cine e a música, non debes perder esta cita.
MESA PROXECTA. A ARTE DE PROGRAMAR


Xoves 18 | 10.30 h. | Baixo de Carlos
Coa presenza de Pela del Álamo, director do Festival Curtocircuíto e codirector de Márgenes; Andrea Franco, dos equipos de programación do FIC Xixón e do Festival de Cans; e Guillermo de Oliveira, director do Almería Western Film Festival.
LENDOCINE
Xoves 18 | 17:30 h. | Parque do Cristo
Mercado de libros de cine, de 17 a 19 h.
LendoCine volve para adentrarse no cinema desde os libros. Agora, nun espazo emblemático, diante da Botica Nova, construída por Antonio Palacios en 1909 para o seu irmán boticario. Máis alá do seu valor arquitectónico, que Cans quere poñer en valor, a Botica Nova garda o pouso dos escritores e intelectuais que acudían ós seus faladoiros: os irmáns Antonio e Pepe Palacios, os escritores Ramón Cabanillas, Vicente Risco ou Paz Varela, o pintor Francisco Lloréns ou o fotógrafo Luis Ksado. Ningún sitio mellor para conversar sobre cinema e libros. Trátase de achegar estas obras ó público a través dos seus autores. Con Bea Gregores, Manolo González, María Soliña, Iria Misa y Xavier Valiño.

Editorial Bululú, 2022.Un moi orixinal álbum ilustrado para coñecer a figura de María Casares, a máis grande intérprete nacida en Galicia. Cunha vida marcada polo exilio en París, a súa relación co escritor Albert Camus ou as lembranzas do pai, o político Santiago Casares Quiroga, María Casares converteuse nun dos grandes referentes europeos do século XX.Un diálogo de intercambio de ideas e reflexións sobre xeitos de facer cinema entre a directora franco-armenia Valérie Massadian e o membro de CREA, a asociación galega de realizadores e realizadoras. Unha conversa aberta a todo o público, mentres se degusta con calma un café Dromedario.

Editorial Galaxia, 2022.José Gil (As Neves, 1870-Vigo, 1937) foi un pioneiro do cinema galego e seguramente o primeiro profesional do audiovisual en Galicia: adiantado en rodar pequenos filmes documentais e iniciador do ‘cinema de correspondencia’ entre Galicia e América. A Gil tocoulle vivir unha época apaixonante, pero tamén sufrir unha serie de desgracias familiares polas que morreu esquecido e arruinado.

Editorial Prensas, Universidade de Zaragoza, 2022.Este ensaio é unha cartografía da produción fílmica europea de vangarda que analiza o tema da temporalidade coma elemento clave para entender as transformacións do
pensamento contemporáneo. Unha interesantísima reflexión desde os movementos vangardistas ata os nosos días.

Edicións Xerais, 2023.Nesta novela, os xemelgos Elsie e Simón múdanse a unha nova casa e descobren que a carón deles vive unha veciña estrafalaria, Alice, que ten un vello reprodutor de cine a través do cal os pequenos entran nas películas. Alice é unha especie de Mary Poppins que se chama así en homenaxe a Alice Guy, pioneira do cinema.

Edicións Efe Eme, 2022.Ó xeito dos grandes libros que recompilan a historia do cinema, da música ou da literatura, o crítico musical Xavier Valiño realizou unha minuciosa crónica do cinema documental no rock. Unha guía imprescindible para as persoas que amen o cinema e amen a música.
CAFÉ CON CREA

Venres 19 | 10 h. | Baixo de Carlos
Coa presenza de Valerie Massadian e o cineasta galego Xoán Escudero
A QUE ANDAS?
Venres 19 | 13.30 h. | Baixo de Carlos
Coa presenza de Guillermo de Oliveira, Alberto Vázquez, Iván Castiñeiras, Alfonso Zarauza, Ledicia Sola, Area Erina, Mario Iglesias, Pela del Álamo e o produtor Alberto Plágaro
“A que andas?” é unha pregunta moi galega e que se escoita a miúdo no audiovisual para saber que andan a argallar os cineastas De aí nace esta proposta que pretende poñer en valor os guións dos filmes cuxa data de rodaxe está próxima. Unha actividade en colaboración coa Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG).

Dirección e guión: Guillermo de Oliveira. Finalista dos Premios Goya en 2018 polo documental Desenterrando Sad Hill e premiado o pasado ano en Cans pola súa curta Sauerdogs, Oliveira falaranos do que será o guión da súa primeira longametraxe de ficción. Vai de: Historia baseada no crime do empresario David Fernández, asasinado en 1994 en Nigrán, ás portas da súa casa. Estado: En fase de reescritura. Escollido entre os 20 guións finalistas das Residencias da Academia de Cine.

Dirección e guión: Alberto Vázquez. Será a súa terceira longametraxe. Gañador do Premio Goya ao mellor filme de animación por Unicorn Wars. Vai de: Na cidade de Anywhere, Arnold é un rato de mediana idade en crise existencial e de parella. A súa relación con María vai a pique e sente que todo o que o rodea é falso coma un decorado. Logo de investigar que hai alén do bosque e perder os seus amigos Ramiro e Pólo Crazy, Arnold rebélase contra a sociedade e contra ALMA, a empresa corporativa que todo o controla. No seu descenso cara á loucura, tentará escapar sen éxito, invocará o fantasma de Ramiro e verá como o abandona a súa amada María. Estado: Preprodución.

Dirección e guión: Iván Castiñeiras. Vai de: A historia —contada a través da mirada de Mariana, que ten 17 anos e se enfronta á decisión de deixar a aldea na que vive— está centrada nunha escola rural fronteiriza onde os contos infantís se mesturan con lendas antigas que habitan o lugar. Estado: En fase de rodaxe. Mellor proxecto WIP na sección WORK 2022 do Festival Márgenes e seleccionado no Network do Zinebi de Bilbao.

Dirección e guión: Alfonso Zarauza Vai de: Manoel traballou en Islandia de mariñeiro durante trinta anos, alí casou e non regresou a Galicia ata que lle morreu a muller. Cata pasou na illa só cinco días, os máis felices da súa vida, entregada a un amor apaixonado que rematou coa fin da viaxe. Para eles, Islandia non é só un lugar: converteuse nun estado mental. Estado: En desenvolvemento. Presentado ás axudas de produción da AGADIC.

Dirección e guión: Ledicia Sola Vai de: Nora ten 43 anos, acaba de sufrir un aborto e de romper coa parella despois de 16 anos xuntos. Volve ó manancial da infancia coa esperanza de que as augas lle axuden a curar todos os seus males. Marina e Nadia non están dispostas a deixala soa neste momento, e as tres amigas tomarán unha decisión que será o comezo dunha nova vida para todas: formar o seu propio modelo de familia. Estado: En fase de desenvolvemento. Presentado ás axudas de produción da Agadic.

Dirección e guión: Area Erina. Despois do seu impactante documental Emma, que puidemos ver en Cans, Area Erina regresa ó noso festival co seu novo proxecto. Vai de: Durante anos, Area Erina filmou a súa veciña Aurora, memoria dun xeito de entender o mundo rural que se está a extinguir. Estado: En posprodución.

Dirección e guión: Mario Iglesias, premiado en dúas ocasións no Festival de Cans, con Intensidad (2005) e Madres (2006), e director tamén doutras tres longametraxes. Produción: Alberto Plágaro, de La Pizarra Produce Vai de: Carmela vai enterrar a súa nai, Isaura, no pequeno cemiterio dunha aldea do leste galego. Carmela procede dunha contorna urbana e é a primeira vez que pisa a terra dos seus devanceiros, da que a nai nunca lle quixo falar. Cando chega a comitiva, descobren que o nicho no que ía ter lugar o enterramento está ocupado. E aí comeza unha loita contra o tempo para poderen dar descanso os restos da nai no lugar que quería: a tumba que mercara no cemiterio da aldea que a viu nacer. Estado: En fase de reescritura e busca de financiamento.

Dirección e guión: Pela del Álamo. O director do documental multipremiado N-VI está inmerso nun documental experimental rodado nos montes do macizo central de Ourense. Vai de: Nas montañas do sueste de Galicia, un grupo de cazadores vive aínda en conexión coa natureza. Durante varias xornadas, enfrontaranse ó remate do inverno nas últimas batidas do ano. O amor e a morte. O salvaxe e o artificial. O humano e o animal. Montañas sumidas na néboa. O inverno coa súas chuvias perpetuas. A escuridade do bosque e a luz dos cumios. Todo o que aló acontece cando o home non está. As contradicións da condición humana contidas na práctica da caza. Rocha, neve, néboa e lume. Estado: En fase de escritura de guión.
FILLOS E FILLAS DE CANS
Venres 19 | 16 h. | Baixo de Carlos
Esta sección, feita coa colaboración de CREA (Asociación galega de profesionais da dirección e realización), é un dos grandes escaparates dos filmes que en poucos meses chegarán ás pantallas. Volveremos gozar de imaxes inéditas de filmes: algo emocionante, un feito sempre máxico para os cinéfilos.

Coa presenza da directora, Jaione Camborda, e de Janet Novás, actriz protagonista. Dirección e guión: Jaione Camborda. Tras o debut de Jaione Camborda con Arima, a realizadora trae agora a Cans as primeiras imaxes d’O corno, o filme que rodou a finais de 2022, coa bailarina Janet Novás como protagonista. Un momento moi especial para o festival, xa que Janet é natural da nosa aldea. Produción: Esnatu Zinema (Jaione Camborda), Miramemira (Andrea Vázquez) e Elástica Films (María Zamora), en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica) Xénero: Drama Vai de: Na Galicia rural da década de 1970, unha parteira vese obrigada a fuxir a Portugal a través dunha ruta de contrabandistas Estado: En fase de posprodución e distribución en festivais.

Coa presenza dun dos directores, César Souto, e da produtora Marina García. Dirección e guión: Luis Avilés, César Souto. Tras o emocionante documental Os días afogados, os cineastas volven traballar xuntos no filme Mar, nun laborioso proceso de varios anos, cun mariñeiro senegalés establecido en Portosín como protagonista. Produción: Sintagma Films Xénero: Documental Vai de: Mar é senegalés, emigrou a Galicia para gañar a vida como mariñeiro nun barco de baixura de Portosín. O seu tempo de lecer transcorre nos campos da liga máis baixa do fútbol federado, onde arbitra partidos as fins de semana. Agora quere traer ó seu fillo desde Dakar para buscarlle aquí un futuro mellor, mentres el pensa seriamente en cambiar de traballo debido á crise da pesca de baixura. Estado: En fase de rodaxe.

Coa presenza da directora, Sonia Méndez, e da produtora, Nati Juncal. Dirección e guión: Sonia Méndez Produción: Nati Juncal. A parella de Cósmica Producións formada pola directora Sonia Méndez e a produtora Nati Juncal chegará a Cans para presentarnos imaxes inéditas da súa primeira longametraxe de ficción, rodada o pasado inverno na Fonsagrada. Méndez volve ó noso festival, onde competiu en 2012 con Conversa cunha muller morta, que lle valeu a Luis Zahera o Premio do Xurado á mellor interpretación masculina Xénero: Drama psicolóxico, thriller Vai de: Nun remoto pobo galego, un grupo de adolescentes goza do Entroido. Durante as celebracións, difúndese un vídeo sexual de Paula, unha das mozas da cuadrilla. Agoniada pola situación, Paula abandona a festa e desaparece, sen deixar rastro, en metade dunha gran nevada. Mentres toda a localidade busca por ela, os amigos terán que afrontar a responsabilidade que lles corresponde Estado: En fase de posprodución.

Coa presenza da directora, Olga Osorio e do protagonista, Tamar Novas. Dirección: Olga Osorio, quen, con Einstein- Rosen, foi en 2017 unha das grandes triunfadoras en Cans, onde acadou os premios do Público, Mellor Guión e Mellor Interpretación Masculina. Desta curta saíu a idea para filmar Un pasado por delante, a súa primeira longametraxe de ficción, cuxo proxecto coñecemos o ano pasado na sección A que andas? Nesta edición presentaranos as primeiras imaxes, inéditas, do filme. Produción: Vaca Films Xénero: Comedia, ciencia ficción Vai de: Verán de 1989, Óscar e Teo, dous irmáns adolescentes moi distintos, viven nun modesto piso de barrio. Teo é un apaixonado do fútbol e bastante traste; Óscar, un sabichón que prefire pasar as tardes das vacacións estudando a Teoría da relatividade. En realidade, cada un vai levando como pode a desaparición da nai, unha prometedora científica obsesionada cos buratos de verme. Estado: En fase de posprodución e distribución en festivais.

Co presenza da directora Simone Saibene, e do protagonista, Ernesto Romero. Dirección: Simone Saibene Produción: Noveolas Producciones Xénero: Drama Vai de: Os soños, a esencia fantasmal do cine, o paso do tempo, un novo enfoque sobre o rural. Estado: En fase de rodaxe.

Coa asistencia dos guionistas e directores Andrew Pearson e Roque Cameselle. Dirección e guión: Andrew Person, Roque Cameselle. Vai de: Guy achégase ó Festival de Cans para dar a coñecer a súa primeira película. Pode ser unha grande oportunidade; con todo, non fala nin castelán nin galego e non ten habilidades para facer contactos. E cando a única persoa que coñece, a súa produtora Noela, o abandona, Guy séntese perdido. A viaxe que esperaba que lle abrise algunhas portas da industria en realidade acaba por descubrirlle que nin sequera está ás portas de nada. Sería unha historia de amor e nova amizade, se Guy puidese entender unha palabra. Guy non está perdido na tradución, está afogado. Estado: En desenvolvemento.