A Noite das Homenaxes e Marlango, destacados do venres en Cans

A xornada de mañá venres vén marcada pola emotiva celebración da Noite das Homenaxes que terá lugar no Torreiro ás 22h30. O actor Carlos Blanco colocará a súa estrela no Torreiro e recibirá o Premio Pedigree’19, o máximo galardón do Festival de Cans, en recoñecemento pola súa traxectoria de case tres décadas no mundo da interpretación e seu apoio as novas e novos cineastas. El non será o único homenaxeado. A actriz e presentadora Nieves Rodríguez e os veciños Paz Acuña e Rafa González recibirán os Chimpíns de Prata ‘Pepe Puime’. Tamén se entregará o novo premio Chimpín de Prata ‘Divina Campos’ – en honra á nosa finada veciña de Cans- á xornalista Pilar Comesaña por axudar e dar a coñecer ao festival nos medios de comunicación. Esta Noita das homenaxes tamén acollerá a estrea de Quince primaveras, o making of feito pola realizadora Isaura Docampo sobre a edición do Festival de Cans de 2018.

Ao final da Noite das homenaxes, o Torreiro acollerá o esperado concerto de The Legendary Tigerman, que fará en Cans a súa única parada en Galicia na súa xira internacional, para presentar o seu séptimo y último disco Misfit. Os seus seguidores e seguidoras poderán ademais asistir á estrea en España da película Fade into nothing, do director Pedro Maia e guionizada, musicada e protagonizada polo propio Paulo Furtado ‘Tigerman’, que estará no Baixo de Bugarín para presentar o filme. Antes, ás 20h30 no Espazo Estrella Galicia na Leira de Alicia, terá lugar outro momento especial coa actuación de Marlango, grupo liderado pola actriz e cantante Leonor Watling e o músico Alejandro Pelayo, que interpretarán as cancións evocadoras e visuais do seu último disco Technicolor. Para este concerto é necesario retirar pulseira previamente no posto de merchandising a partir das 18h30.

Encontros do venres 

O Festival de Cans intenta servir de escaparate para o cinema que se está facendo e pensando como mostran as seccións: A que andas? e Fillas e Fillos de Cans. No primeiro encontro, que se celebrará no Baixo de Moncho ás 13h00, contamos coa colaboración da Asociación Sindical Galega de Guionistas para abordar cos seus autores e autoras o guións dos próximos filmes de Álvaro Gago (Algo parecido á felicidade), Andrés Goteira (STARMUCKS. A pequena variación), Chelo Loureiro e Lúa Testa (Valentina), Víctor Duplá e Diana Toucedo (A leituga) e o director catalán Juanjo Giménez (Tres). Por outra banda, en Fillos e fillas de Cans serán as e os cineastas quen presenten os novos proxectos nos que están traballando e nos deixen ver uns minutos inéditos das súas pezas. No Baixo de Moncho ás 16h30 estarán con nós Jorge Coira, Pepe Coira e Gaspar Broullón (do documental Vivir dúas veces, coa presenza do seu protagonista, o político Xosé Manuel Beiras); Paula Cons (El Santa Isabel), Liliana Torres (¿Qué hicimos mal?), Fon Cortizo (9 Fugas) e Roi Fernández (Ursúas). Tamén contaremos coa presenza especial nesta sección do director alemán Hannes Stöhr que nos amosará unha pequena parte da súa próxima película No bosque.

Stöhr protagonizará na mañá do venres ás 10h00 o coloquio do Café con CREA, en colaboración Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización, acompañado dos directores Fon Cortizo e Jorge Coira. Completan esta serie de encontros con profesionais do audiovisual o terceiro dos Coloquios AISGE “Vinte anos de Mareas Vivas” no que estarán Miguel de Lira, Isabel Blanco, Víctor Mosqueira e Camila Bossa; e o terceiro encontro da actividade “Oficios invisibles” en Cans do Futuro (realizada en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual) coa directora e montadora Diana Toucedo.

E ademais…

Entre o resto da programación do Festival de Cans para mañá venres destaca a inauguración da exposición das viñetas máis cinematográficas de “O Bichero” do debuxante Luis Davila. Tamén se iniciarán as actividades de MiniCans, a programación infantil do Festival, co obradoiro “Da imaxinación á pantalla”, ofrecido pola Obra Social La Caixa no marco da súa iniciativa Participa Méliès. Nel, a rapazada realizará curtametraxes con efectos especiais sinxelos. Tamén se realizarán as proxeccións das pezas finalistas do Proxecto contra a violencia de xénero “Xénero/Historias” ás 17h30 no Baixo de Carlos, ligado a esta actividade terá lugar no Parque do Río as actuacións de hip-hop do proxecto “Xénero/Versos”, onde se interpretarán parte das bandas sonoras das curtas participantes, que serán editadas ademais co apoio da Fundación SGAE. Esta actividade está impulsada polo Concello do Porriño e nela participaron máis de 250 estudantes da ESO dos catro institutos do municipio. Completan o programa o desfile de chimpíns das 22h00 acompañado da música da Treboada da Muimenta e a Sesión Discochimpín BFlecha en formato DJ Set á 01h30 no Torreiro.

 

VENRES 24 DE MAIO
Preme aquí para ver un mapa de Cans e coñecer a ubicación de cada espazo.

10h00 | Cans do Futuro. Encontro “Oficios invisibles” en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual con Diana Toucedo, montadora| Baixo de Bugarín

10h00 | Café con CREA: coloquio co director alemán Hannes Stöhr | Baixo do Moncho

11h30 | Coloquio Fundación AISGE “Vinte anos de Mareas Vivas” con Víctor Mosqueira, Camila Bossa, Miguel de Lira e Isabel Blanco | Baixo do Moncho

13h00 | A que Andas? Os filmes dende o guión con Álvaro Gago, Andrés Goteira, Chelo Loureiro, Victor Duplá, Diana Toucedo e Juanjo Giménez | Baixo do Moncho

16h30 | Fillas e fillos de Cans. Avances de proxectos con Jorge Coira, Pepe Coira, Gaspar Broullón, Paula Cons, Fon Cortizo, Liliana Torres e Roi Fernández | Baixo do Moncho

17h00 | MiniCans: Obradoiro de cine “Da imaxinación á pantalla” – Participa Méliès | Cuberto de Chelo

17h30 | Proxección das curtametraxes finalistas – Proxecto contra a violencia de xénero “Xénero/Historias” | Baixo de Carlos

18h30 | Audiovisual e música: proxección de Fade into nothing de Pedro Maia. Coa presenza de Paulo Furtado, músico, co-guionista e protagonista do filme | Baixo de Bugarín
* Debido á coincidencia horaria da película Fade into nothing co reparto de pulseiras de acceso ao concerto de Marlango no Torreiro, ás persoas que asistan como espectadores a esta proxección, entregaráselle ao final da película unha pulseira por persoa. Unha vez comece o filme non se deixará pasar a ninguén á sala (aforo máximo da sala: 130 persoas).

19h30 | MiniCans: Proxección das pezas realizadas no “Da imaxinación á pantalla”- Obradoiro Participa Méliès | Cuberto de Chelo

19h30 | Actuacións hip-hop. Proxecto contra a violencia de xénero “Xénero/Versos” | Parque do Río

20h30 | Concerto MARLANGO | Espazo Estrella Galicia da Leira de Alicia
*Aforo limitado. Retirada previa de pulseira que poderá recollerse no posto de merchandising a partir das 18h30.

22h00 | Desfile de chimpíns acompañado da treboada Muimenta | Baixo do Moncho ata o Torreiro de Cans

22h30 | Noite das homenaxes | Torreiro de Cans
Estrea Quince primaveras de Isaura Docampo sobre a XV edición do Festival de CansEntrega dos Chimpíns de Prata a Nieves Rodríguez, Pilar Comesaña e Paz Acuña e Rafa González.
Entrega Premio Pedigree a Carlos Blanco
Entrega dos Premios Concurso Videoclips
Entrega do Premio Concurso “Pintar o cine”
Presentación dos diferentes xurados

00h00 | Concerto: The Legendary Tigerman | Torreiro de Cans

01h30 | BFLECHA DJ Set | Torreiro de Cans

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

twenty + 15 =