Dentro do audiovisual, os videoclips xogan sempre un papel de interese pola súa inmediatez e versatilidade: o mesmo poden achegarse ao cinema experimental que construir pequenas narrativas, ás veces funcionan como laboratorio de ideas para novos e novas cineastas e outras atopamos artistas con longas traxectorias centradas nos vídeos musicais. O concurso de videoclips do Festival de Cans, que ten lugar na Noite Gia do xoves 24 de maio, é un evento de enorme popularidade que recolle a variedade de estilos e talentos da música galega e a destes realizadores e realizadoras. No visual, o abano da selección desta 15ª edición vai dende o traballo co found footage de Adrián Canoura á sensibilidade paisaxística de Mar Catarina ou Xaime Miranda, pasando pola animación de Myriam Pato ou Rubén Domínguez. No musical, poderemos escoitar dende o hip hop combativo de Ezetaerre ao folk intimista de Peña, pasando polo rock alternativo de You Dog!! ou o noise de Disco Las Palmeras! A continuación podes ver todos os clips que compiten nesta Sección Oficial:
1. Peña – “Fai o que queiras”. Dirixe: Montse Piñeiro.
2. Silvia Penide con Eladio Santos – “Sobre el mismo alambre”. Dirixe: Miryam Pato.
3. Selvática – “Sal y sangre”. Dirixe: José Miguel Sagüillo.
4. Ataque Escampe – “Papá borracho”. Dirixe: Mar Catarina.
5. You Dog!! – “The Battle of the Good Men”. Dirixen: Pablo Banga e Antonio Caeiro.
6. A Veces Ciclón – “Devalo”. Dirixe: Rubén Domínguez.
7. Linda Guilala – “Primavera negra”. Dirixe: Sara Chuerches.
8. Oh! Ayatollah – “Volve a canción protesta”. Dirixe: Xaime Miranda.
9. Disco Las Palmeras! – “Hoy”. Dirixe: Javi Camino.
10. Baiuca – “Camiños”. Dirixe: Adrián Canoura.
11. Ezetaerre – “Acto I: O fío vermello”. Dirixe: Juan Pirola.
12. Breakin’ Bones – “Puertohurraco”. Dirixen: Daniel Alonso e Gemma Marqués.
13. Pantis – “Mar”. Dirixe: Rubén Domínguez.
14. Pólvora – “Isla Futura”. Dirixe: Soledad Rebollo.
15. Boyanka Kostova – “Eu non sei por que”. Dirixe: Alicia Alonso.
16. Chicharrón – “Suicidio tímido”. Dirixe: Xoan Escudero.
17. Mequetrefe – “Finlandia”. Dirixe: Xaime Miranda.
18. BALA – “Omertá”. Dirixe: Gero Costas.