THE RAPANTS, COMBO PARADISO, NAT SIMONS, LONTREIRA E SUSANA SEIVANE, ENTRE OS ARTISTAS QUE PASARÁN POLA XXI EDICIÓN DO FESTIVAL DE CANS

O Festival de Cans, que celebrará a súa XXI edición do 21 ao 25 de maio, contará cun completo cartaz de grupos e solistas de distintos estilos e tendencias, entre os que destaca a presenza da banda de Muros The Rapants, o grupo galego de moda, xunto a outras bandas como Combo Paradiso ou Lontreira e artistas como Nat Simons ou a gaiteira Susana Seivane. En total haberá ata 25 actuacións con moita presenza feminina e de artistas que están a destacar especialmente nos últimos tempos. Como é habitual as actuacións de Cans apostarán pola música de baile e a diversión pero tamén haberá espazo para propostas innovadoras e vinculadas a propostas cinematográficas.

A banda muradana The Rapants pecharán os concertos do Espazo Estrella Galicia a última noite do festival, o sábado 25. Cunha traxectoria de apenas seis anos xa se converteron en todo un fenómeno de masas en Galicia e en Cans presentarán os temas do seu novo disco “La máquina del buen rollo” co que están a obter un gran éxito con “sold outs” en todos os seus concertos. En Cans tocarán de balde para o público do festival que poderá vivir unha gran festa como peche do evento.

A roqueira madrileña Nat Simons actuará tamén o sábado 25 no mesmo espazo. A pesares da súa xuventude converteuse nun dos referentes da música americana en España e os seus concertos están cargados de enerxía. Presentará os temas do seu último disco “Felinas”. O cartel das actuacións no Espazo Estrella Galicia complétase coa presenza de Combo Paradiso o venres 24, unha superbanda formada en 2020 por Adrián Costa, Julián Maeso, Alberto Anaut e Juan Zelada que mistura estilos como o blues e o soul con ritmos latinos e presentarán en Cans o seu último disco, “Todo bien todo el rato”, que acaba de publicarse. Despois destas actuación centrais do venres e o sábado o Espazo Estrella Galicia albergará sesión de dj´s a cargo de The Incredible Peón Kurtz DJ (histórico membro do grupo Def con Dos) e da galega Señora DJ.

A banda arousana Lontreira estreará os concertos no Torreiro –outro dos espazos emblemáticos do festival– o venres pola tarde coa súa mistura de música tradicional mesturada con electrónica. Antes da súa actuación haberá unha retrospectiva sobre os seus elaborados videoclips no coberto de Mucha e Juan do Peso. Xa o sábado pasarán pola sesión vermú do Torreiro o grupo do Morrazo Mediarea, unha das sorpresas do último ano na música tradicional, e pola tardiña o farán os coruñeses Escuchando Elefantes, un dúo cunha xa longa traxectoria e que son capaces de tocar distintos estilos sempre coa impresionante voz da cantante Silvia Rábade como gran atractivo.

SUSANA SEIVANE E SU GARRIDO NO INVERNADOIRO

No espazo Invernadoiro Rei Zentolo de Juan e Mucha do Peso, que combina música e proxeccións audiovisuais, terá lugar o sábado a actuación da gaiteira Susana Seivane, que ofrecerá unha actuación especial para celebrar os seus 25 anos de traxectoria. Ademais, Seivane presentará en Cans a audiovisual “Son Seivane” dirixida polo realizador Xosé Antón Bocixa.

Polo mesmo espazo tamén pasará a cantautora Su Garrido Pombo presentando o seu proxecto “Patios de Luz”, que une a música e o cine nun documental dirixido por Fran Rodríguez Casal, que explora a relación da luz e dos espazos. Os concertos de Seivane e Garrido son os únicos de pago do festival (entradas a 5 euros) dado o aforo limitado a só 100 persoas do Invernadoiro.

Previamente a estas actuacións a artista Hydn será a encargada de actuar o xoves 23 na Noite Lasal, dedicada aos videoclips musicais, na Praza do Concello. Ademais o Festival de Cans está a traballar no peche do programa musical definitivo que inclúe outras propostas moi atractivas como a homenaxe ao acordeonista Kepa Junquera, que terá lugar o Día dos Veciños e terá lugar no Jaliñeiro que levará o nome do músico vasco ou a actuación de Antía Muiño que abrirá o programa musical de Cans o martes 21 no Centro Cultural do Porriño, na presentación do documental “Acordamos”, dirixido por Uxía Senlle.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

14 − ten =