“Psiconautas”, estrea en Cans

O Festival de Cans acollerá a estrea de Psiconautas, unha longametraxe de animación pero pensada principalmente para o público adulto, dirixida por Alberto Vázquez e Pedro Rivero e que estivo no pasado Festival de San Sebastián. Será a estrea en Galicia dun filme que supón a culminación do camiño que Alberto Vázquez iniciou coa curtametraxe “Birdboy”, coa que gañou en Cans en 2011, un Goya en 2012 e estivo preseleccionado para a correspondente categoría dos Óscar. En Cans repetiu Premio á Mellor Curtametraxe de Animación en 2013 con “Sangre de unicornio”. En palabras do propio Alberto Váquez durante a presentación que fixemos esta mañá, “é un pracer poder pechar este ciclo en Cans, un festival que sempre aposta polo cinema galego”. O festival, pola súa banda, cumpre tamén un dos seus principais obxectivos, que é ver medrar e progresar aos cineastas que pasaron por el inicialmente como curtametraxistas.

A estrea será o xoves 19 de maio ás 20h00 no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño.

Psiconautas1

Psiconautas, un anticonto de crítica social

Psiconautas é unha obra de animación atípica, que se serve da iconografía das series de debuxos animados, humanizando diferentes personaxes de animais, para contar unha historia crúa, cunha gran carga de crítica á sociedade na que vivimos e cun forte compoñente poético na súa estética.

Nela están moi presentes a falta de expectativas laborais, o control familiar e social dos que son percibidos como distintos, o consumo de substancias aditivas ou a contaminación. É un anticonto que se recrea na desazón da incapacitación. As súas personaxes distan moito das típicas dos contos para nenos: son consumidoras de antidepresivos, abandonan os estudos para dedicarse ao tráfico de drogas ou pensan en fugarse do seu fogar familiar.

No concreto, narra a historia de Birdboy e Dinki, que perderon aos seus pais tras unha terrible catástrofe ecolóxica na illa na que viven. Birdboy vive illado no bosque, consumíndose e alleo á decisión de Dinki de emprender unha arriscada viaxe en busca dun lugar mellor. Terán que loitar contra os seus demos interiores se queren axudarse un ao outro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

sixteen + nine =