Presentación XIII Festival de Cans

Iván Ferreiro abrirá os concertos na Leira na edición máis multidisciplinar do Festival de Cans

Presentacion Festival de Cans 2016

Xa presentamos oficialmente a 13ª edición do Festival de Cans! E fixémolo coa proposta máis multidisciplinar da súa historia: a danza, a gastronomía, a literatura, o humor gráfico ou a videoperformance estarán entre os contidos, partindo sempre desde propostas audiovisuais nunha edición na que Cans reunirá a 160 músicos e 90 obras audiovisuais dende o 18 ao 21 de maio. O certame continúa reinventándose ano tras ano, adaptándose ás novas necesidades, demandas do público e novos xéneros, así como explorando as potencialidades do singular espazo no que se celebra. Nesta edición varios dos seus espazos emblemáticos medran en contidos e funcionalidades.

  • A Leira de Alicia pasa a ter programación continua nos dous días centrais do festival e acolle o Espazo Mahou con diferentes actuacións musicais vinculadas aos contidos audiovisuais do Jalpón de Alicia, encontros de cineastas e o habitual coloquio na leira. A gran sorpresa deste espazo será o concerto de Iván Ferreiro o venres 20 de maio ás 20h00.
  • O festival tamén inaugurará o Jaliñeiro Arena cun espectáculo exclusivo de Janet Novás e Mercedes Peón fusionando danza contemporánea e música de dúas das nosas artistas máis internacionais. Ademais, o Jaliñeiro Arena -na zona Multiusos- albergará unha nova sección gastronómica -“A cociña de Esther”-, coa proxección de El equilibrio de los opuestos, un documental de Alberto Baamonde sobre as peripecias do cociñeiro Javier Olleros, que preparará unha tapa delicatessen deseñada para o festival con produtos da parroquia.

Os nenos e nenas cobran cada vez máis protagonismo en Cans, e por iso reforzamos a programación infantil, que segue medrando con proxeccións, actuacións musicais, monicreques e obradoiros. Os máis pequenos terán actividades no Cuberto do Pato, no Baixo de Carlos e o parque do río, con zona de xogos tradicionais e menús infantís. Nestas localizacións poderán gozar da Caixa de Mistos, dun obradoiro de filmes de MrMisto no que xogarán a ser cineastas ou da proxección de Maimiño

Presentacion Festival de Cans 2016

Entre as principais novidades deste ano poderedes atopar:

A mellor selección audiovisual

  • Seleccionamos 18 curtas a concurso marcadas por directoras e directores que crean desde o éxodo, en lugares como Bruxelas, Londres, Barcelona, Madrid ou Lisboa, pero tamén por algúns creadores que xa tocaron o éxito do Can de Pedra de Cans.
  • Recuperamos  sección de animación.
  • Estreamos Psiconautas de Alberto Vázquez e Pedro Rivero.
  • Dani de la Torre rebobinará El Desconocido xunto aos dous premios Goya do filme: Jorge Coira (mellor montaxe) e David Machado (mellor son).
  • Celebramos os 100 anos de Miss Lledya, proxectándoa con música en tempo real do theremin de Paulo Nimoy.
  • Inauguramos a sección Retratos de familia, que recolle as obras dunha serie de directores e directoras novos que afondan no entorno familiar para crear unha cinematografía diferente. Veremos “Losada”, de Ximena Losada e Marcos Nine; “Imaxes secretas”, de Diana Toucedo, “Vai chover”, de Santiago D. Risco, “Extraño”, de Iria Silvosa e “Cuna”, de Lucía Estévez.
  • Fill@s de Cans e A que andas? coas últimas novidades e propostas do sector.

Unha morea de contido musical: máis de 20 actuacións e 30 horas de música para non parar de bailar e mover o corpo entre proxección e proxección.

  • Celebraremos os 25 anos da Arroutada Pangalaica dos Diplomáticos de Montealto.
  • Novedades Carminha, traerá o seu novo disco, Campeones del mundo.
  • Iván Ferreiro estreará en concerto o Espazo Mahou da Superleira.
  • Óscar D’Aniello chegará tamén a Cans estreando o seu novo proxecto musical, Delafé, e o seu primeiro disco con esta nova formación, La Fuerza irresistible.

Presentacion Festival de Cans 2016

No seu conxunto todos os contidos do certame teñen a mirada posta no noso Decálogo para a visibilidade das mulleres, polo que podemos afirmar que a participación da creación feminina no festival segue en aumento.

A que esperades? Mergulládevos de cheo en todos os contidos que preparamos para vós. Poderedes atopalos en cada rincón desta web.

¡Cans 2016 está en camiño!