Coloquio de Daniel Monzón

O XIX FESTIVAL DE CANS XEROU 134 CONTRATACIÓNS E UN 100% DE OCUPACIÓN HOTELEIRA NO PORRIÑO 

A última edición do Festival de Cans supuxo un grande éxito de público, con máis de 10.000 visitantes nos catro días de duración, pero tamén deixou bos datos nas cifras de impacto socioeconómico do evento. O festival aumentou considerablemente nesta edición o número de contratacións laborais, acadando a cifra de 134 contratos, fronte aos 121 da pasada edición. Do mesmo xeito, aumentou a cifra de provedores locais, contratando servizos a preto de medio cento de empresas de proximidade, moitas delas pemes e empresas familiares, seguindo a filosofía “quilómetro 0” do certame. Estas empresas prestaron servizos de cáterin, imprenta, ferraxería, papelería, asesoría ou de rozar os terreos, entre outros.

Das 134 contratacións realizadas, 64 foron contratacións directas, relacionadas coas áreas de produción, merchandising, transporte ou traballo en barras; 22 de servizos especializados de autónomos de áreas como comunicación, vídeo, fotografía, redes sociais, deseño gráfico ou programación e 48 de contratacións indirectas de empresas que prestaron servizos no marco do festival, como limpeza e hixiene, seguridade privada e montaxe e desmontaxe de carpas e equipos de loxística. A maioría das persoas contratadas pertencen ao Concello do Porriño, moitos deles á aldea de Cans, e o resto proceden de concellos cercanos como Mos, Salceda de Caselas ou Ponteareas.

Cómpre destacar tamén o impacto na restauración e comercio locais así coma nos establecementos hoteleiros, que rexistraron na fin de semana forte do festival un 100% de ocupación. Entre o 17 e o 21 de maio o festival reservou de forma directa 146 habitacións para acoller as persoas convidadas e traballadoras da organización, ademais das habitacións en hostais, pensións e albergues reservadas polo público que asistiu ao festival. Entre elas, había persoas chegadas desde países como Francia, Inglaterra ou Portugal, e de diversos puntos do Estado, como Madrid, Barcelona, Mallorca, Logroño, León ou Valencia.

O Festival activou tamén un plan de mobilidade e accesibilidade, buscando un evento sostible, evitando na medida do posible a presenza de vehículos na aldea. Máis de 3.000 persoas utilizaron os autubuses que trasladaron o público ata a aldea e de volta, e o festival trazou neste senso un plan para viaxes de convidadas e convidados, superando por vez primeira as chegadas en tren ás viaxes en avión.

Habilitouse un plan específico para as persoas de mobilidade reducida, cun autobús específico adaptado, váteres móbiles adaptados e ramplas de acceso, como a construída para acceder as persoas con cadeira de rodas e carros de bebé ao Parque do Río.

Malia o elevado número de persoas que asistiron ao festival, o equipo médico apenas tivo dúas incidencias leves, o que dá idea do comportamento exemplar do público que visita Cans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

one × 3 =