Xurado

Escolle categoría: FICCIÓN E ANIMACIÓN | NON FICCIÓN (FURACÁNS) E NOVAS CAMADAS | VIDEOCLIPS | VECIÑOS E VECIÑAS

XURADO CURTAMETRAXES FICCIÓN E ANIMACIÓN

Santi Prego
SANTI PREGO, actor
Licenciado en Filosofía e profesor da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD), Santi Prego é un actor vigués moi popular en Galicia por numerosas series de televisión, pero con ampla traxectoria tamén no teatro e no cinema, onde traballou con directores coma José Luis Cuerda, Gutiérrez Aragón ou Alejandro Amenábar. Oseu papel no filme Mientras dure la guerra, valeulle a candidatura a Mellor Actor Revelación nos Premios Goya de 2020. En 2022 gañou o Premio do xurado ao Mellor Actor no Festival de Cans, polo seu traballo no corto Devoradora de nenos, de Fran X. Rodríguez.
carla subirana

CARLA SUBIRANA, directora e guionista
Carla Subirana compaxina o seu traballo como cineasta —que se move entre a ficción e o documental— coa labor docente na Facultade de Ciencias da Comunicación Blanquerna e na Universidade Pompeu Fabra barcelonesas. A súa ópera prima, Nadar (2008), é un filme autobiográfico que trata sobre a memoria histórica e persoal. Ademais de participar como xurado, a directora catalá estreará este ano en Cans a súa longametraxe Sica, rodada na Costa da Morte, antes de que chegue ás salas e logo de pasar con éxito polo Festival de Berlín. Na sección Fillos e fillas de Cans xa tivemos ocasión, en 2022, de ver algunhas imaxes inéditas desa cinta.

ISABEL RUIZ LARA

ISABEL RUIZ LARA, xornalista, actriz e realizadora de programas dramáticos e de ficción
Vinculada a RNE desde 1982, Isabel Ruiz Lara está detrás, como directora, presentadora ou colaboradora, dalgúns dos programas e espazos relacionados co cinema máis celebrados da canle nacional: El postre, Cinesporas ou Asuntos propios. Dirixe e presenta os fins de semana Tres en la carretera, labor que compatibiliza coa realización de audiodramas.

nerea barros

NEREA BARROS, actriz e directora
Debutou no cine coa película Nena, do director galego Xavier Bermúdez, antes de que lle chegase a popularidade en Galicia coa serie Matalobos, á que lle seguirían Padre Casares, El secreto de Puente Viejo, El tiempo entre costuras ou, máis recentemente, Operación Marea Negra e La novia gitana, entre outras. En 2014 interpretou o personaxe de Rocío en La isla mínima, por cuxo papel gañou o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación. Protagonista tamén de La isla de las mentiras (2020), dirixida por Paula Cons, o seu primeiro traballo como realizadora foi a curta Memoria (2022), no que narra a traxedia ecolóxica do mar de Aral.

ALBERTE BRANCO

ALBERTE BRANCO, director de fotografía
A súa paixón é contar historias a través de imaxes en movemento. Participou en filmes de directores coma Alfonso Zarauza, Margarita Ledo Andión —premio Pedigree do Festival de Cans en 2022—, Jaione Camborda, Anxos Fazáns, Ángel Santos ou Ignacio Vilar. A comedia de situación Era Visto! e o programa de medianoite Somos unha potenzia son dous dos seus traballos en televisión.

XURADO CURTAMETRAXES NON FICCIÓN (FURACÁNS) E NOVAS CAMADAS

Dario Oliveira

DARÍO OLIVEIRA, director do Festival Porto/Post/Doc
É un dos grandes referentes no circuíto de festivais cinematográficos de Portugal. Profesor de cine e director e fundador do Porto/Post/Doc de Porto, tamén foi o creador e máximo responsable do Curtas Vila do Conde-Festival Internacional de Cinema, unha das citas de curtametraxes máis prestixiosas do mundo, e consultor para numerosos certames e institucións.

Raquel Shefer

RAQUEL SCHEFFER, investigadora, programadora e cineasta
Programadora e asesora de importantes festivais, Raquel Scheffer imparte tamén clase na Université Sorbonne Nouvelle-París 3. Publicou na Arxentina o libro O autorretrato no documental, así coma numerosos artigos sobre teoría do cinema en publicacións internacionais. Codirectora da revista La Furia Umana, na Universidade de Lisboa coordina o grupo ‘Cultura visual, migración, globalización e descolonización’.

eloy dominguez

ELOY DOMÍNGUEZ, cineasta
Traballou como crítico de cine para radio e prensa e foi membro do Xurado Novo da Bienal de Venecia, en 2010. En 2012 trasladouse a Suecia, onde realizou a súa primeira curta, Pettring. O seu filme No Cow On the Ice acadou premios en Toulouse, Filmadrid, Play-Doc, La Alternativa ou Márgenes. Hamada, a súa segunda longametraxe, foi galardoada no D’A barcelonés, en 2019. Coa curta Rompente, triunfou na sección de Ficción do Festival de Cans e gañou a Biznaga de Prata á Mellor Curtametraxe no Festival de Málaga e candidata ós Premios Goya 2023. É un grande entusiasta de Cans, onde concursa habitualmente e participa en coloquios e charlas sobre os seus traballos. Nas últimas edicións achegounos a correspondencia audiovisual que mantén co seu amigo colombiano Samuel Moreno.

XURADO VIDEOCLIPS

Area Erina

AREA ERINA, creadora audiovisual
O traballo de Area móvese entre a instalación, o videoarte e o live cinema, no que traballou co grupo musical Cintaadhesiva. En 2016 o noso festival dedicoulle unha retrospectiva, e en 2021 estreou en Cans o seu documental Emma, sobre a pianista Emma Pino.

Xavier Valiño

XAVIER VALIÑO, xornalista musical e escritor
Valiño é un dos máis reputados críticos musicais galegos. Traballou en revistas do prestixio de Ruta 66, Mondo Sonoro ou Efe Eme, e colaborou en programas da TVG e da Radio Galega. É autor dunha ducia de libros sobre pop, rock, a censura musical e cinema, coma Las 100 mejores películas de rock.

Javi Camino

JAVI CAMINO, cineasta e realizador de videoclips
Coa súa última longametraxe de ficción, Jacinto, Javi Camino levou en 2021 o premio do público na sección Panorama Fantastic do Festival de Sitges. Dúas veces gañador en Cans do Premio do xurado ó Mellor Videoclip, é un prolífico director de pezas para grupos musicais, como demostran os vinte que realizou para Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Disco las Palmeras! ou Linda Guilala, entre outras bandas.

XURADO DE VECIÑOS E VECIÑAS

Rebeca Cabaleiro. Do barrio das Sequeiras, ten 47 anos e traballa de cociñeira no restaurante da familia.

Francisco Novás, Paco do Buraco. Ten 73 anos e é do barrio do Buraco. Antes de se xubilar, estivo emigrado en Venezuela e á volta traballou como ferraxeiro e cerralleiro. Preocupado sempre por preservar a tradición, é impulsor da rehabilitación do Muíño do Buraco.

Lorena Rodríguez, Lorena da Carreira. Vive no Barrio da Carreira, ten 36 anos e traballa de taxista.

Carmen Marino Campos, Carme do Castillo. Ten 77 anos e é do Barrio do Castillo, o de máis tradición de vendedoras nas feiras de todo Cans. Precisamente a vender rosquillas polas feiras e festas de Galicia dedicouse toda a vida, pero agora xa está xubilada.

Jordan Solla. Vive no Barrio da Graña, ten 34 anos e traballa en loxística de medio ambiente.