O PROXECTO DE ARQUIVO DIXITAL DO FESTIVAL DE CANS PRESENTARASE ESTE MÉRCORES NUN CONGRESO INTERNACIONAL EN VENECIA

O Festival de Cans dará este mércores un novo paso internacional, ao presentar o seu proxecto de arquivo dixital histórico do certame, na Univeristá Ca´ Foscari, a principal universidade de Venecia.

A profesora e investigadora madrileña Rosana Vivar, profesora de comunicación da Saint Louis University Madrid, será a responsable de amosar por vez primeira en público este ambicioso proxecto, no marco de “Re: source”, o 10º Congreso Internacional sobre a Historia do arte multimedia, as ciencias e a tecnoloxía”, organizado polo Venice Center for Digital and Public Humanities.

A investigadora Rosana Vivar ten traballado na metodoloxía dos arquivos con outros certames de prestixio como o Festival Internacional de Xixón ou a Semana de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián. Chegou a Cans por vez primeira no ano 2019 para comezar un traballo socioetnográfico, pero a pandemia cortou a evolución da súa investigación, que retomou este mesmo ano. No pasado mes de xullo, esta profesora e investigadora estivo traballando durante unha semana en Cans, na sede do festival. Co apoio de persoas do equipo do festival, trazou unha primeira análise para tratar de ordenar o enorme arquivo xerado polo certame, que este ano cumpre vinte anos de vida. Ademáis dun voluminoso arquivo audiovisual, de gravacións de audio ou da recuperación de fotografías das primeiras edición que se daban por perdidas, estase a comezar un traballo de dixitalización de todos os documentais que se gravaron coas veciñas e veciños de Cans promovidos polo festival.

Conectar os arquivos do festival coa preservación da memoria rural

Esta será una das singularidades deste proxecto, que pretende conectar o arquivo dos contidos do festival coa preservación da memoria rural da aldea, rescatando e dixitalizando vídeos, gravacións de audio ou fotografías. Non será só un proxecto dos arquivos do festival, senón tamén un xeito de preservar o patrimonio documental da aldea, como vellos documentos de propiedades de terras de labradío, cartas da emigración ou documentos da distribución colectiva da auga de regadío, dos que se gardaría unha copia dixital.
O Festival de Cans xa ven traballando hai anos nesta liña a través do proxecto de documental colectivo “Cans 303”, que busca rescatar a memoria da aldea. Ao longo dos anos, producíronse xa varias pezas arredor das feirantas, do contrabando, da vella escola de Cans ou dos bares pechados, rescatando numerosos vídeos e fotografías descoñecidos ata para os familiares de xente que saía nestes documentos.
En moitos casos graváronse testemuñas de maiores da aldea que xa faleceron, e que permanecen como valiosos documentos únicos sobre a memoria oral de Cans, ademáis dun valor afectivo.
A base de todo este traballo de anos e a metodoloxía que se pretende implantar nun futuro inmediato, serán o centro da ponencia da profesora Rosana Vivar, que terá por título “Archiving Cans: Historical Etnographies of a Rural Film Festival” ( Os arquivos de Cans: etnografía histórica sobre un festival de cinema rural).

A este congreso asistirán máis de medio cento de ponentes entre investigadores, académicos e artistas e especializados en multimedia de toda Europa e chegados de universidades de lugares como Arizona ou Hong-Kong. Entre eles especialistas reputados en arqueoloxía de medios e cultura dixital como Jussi Parikka, da Universidade de Southampton ou Jasia Reichardt, crítica de arte e galerista británica.
Este proxecto impulsado desde a Saint Louis University Madrid, universidade americana instalada en Madrid desde hai varias décadas, está agora mesmo nunha fase de busca de financiamento e de alianzas con outras universidades que poidan confluir nesta liña de investigación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

twenty − 5 =