O FILME “O FRÍO” DO REALIZADOR PABLO DOPAZO GAÑA TRES PREMIOS NESTA EDICIÓN DE CANS

A curta “O frío” do director Pablo Dopazo foi elixida polo xurado do Festival de Cans como gañadora na sección de Ficción e Dopazo ademais obtivo o premio ao Mellor Director. Este filme foi o máis premiado nesta edición xa que tamén levou o galardón ao Mellor Actor polo papel interpretado por José María Sanjurjo. A curta gañadora recibirá un premio de 2.000 euros en metálico e un Can de Pedra.

A curta de Pablo Dopazo foi premiada polo xurado polo súa capacidade para “facer sentir a distancia, o desafecto e o frío”.  O filme. Inspirado nunha historia real, ten como protagonista a un home que traballa nun mercado de abastos dunha cidade galega e un día recibe unha chamada que perturba a súa vida normal e fai que o pasado volva.

No apartado de Animación o premio do xurado foi para “Alguén me chamou Serpe Negra”, que conta con guión e dirección de Borja Santomé, quen xa obtivera un premio en Cans en 2018 coa curta “El reloj”. Este premio ten unha dotación económica de 1.500 euros.

Por outra parte, “Betas” de Alberto Senín Porto recibiu o premio do público dotado con 1.500 euros a mellor curtametraxe de ficción.

O premio “AISGE” á Mellor Actriz nesta edición de Cans foi para o protagonista da curta “Nai”, Andrea Vilariño, mentres que o filme “To bird or not to bird”, do realizador e guionista Martín Romero, obtivo dous galardóns, o premio “AGAG” polo Mellor Guión e o premio “Gadis” á Mellor BSO. Esta peza xa foi premiada na última edición dos Goya como Mellor Curta de Animación. “Ruovesi”, a curta da directora e guionista Andrea Zapata, recibiu o premio “RC Service” á Mellor Fotografía.
  
O Premio do Xurado dos Veciños e Veciñas á Mellor Curtametraxe de Ficción/Animación foi para “Aquarium” da realizadora italiana afincada en Galicia Marguerita Morello. A peza ambiéntase nun futuro distópico e narra as loitas laborais nunha empresa de marketing misturando comedia, drama e ciencia-ficción.

PREMIOS NAS SECCIÓNS FURACÁNS E NOVAS CAMADAS

Na sección Furacáns (Non Ficción) a curta gañadora foi “Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa”, unha peza con guión e dirección do boirense Daniel Pérez Silva. O filme está composto por imaxes do arquivo familiar do realizador, quen relaciona o pasado co presente para dar conta dos cambios que se producen nas relación familiares. O xurado destacou o seu acercamento “tan emotivo como penetrante ao continuum temporal dunha familia”.

Nesta sección obtivo unha mención a curta “El Custodio”, que conta con guión e dirección do arquitecto Arturo Franco. O filme fala da soidade nunha illa sen tempo e xa foi galardonado no Festival Intersección co premio ao Mellor Filme Español.

No apartado de Novas Camadas, que distingue aos realizadores menores de 25 anos, a curta gañadora do Premio “Deleite” foi “Taquión”, con guión e dirección de Miguel Barcia. É un relato de ciencia-ficción que combina videos caseiros con fotogramas impresos e escaneados que suxiren a distorsión dos recordos. O xurado destacou a aura de misterio dun filme con ecos “do mellor David Lynch”.

Nesta sección tamén houbo unha mención para a curta “Sainte Agathe”, do director Juan Ares, que neste filme documenta o proceso de masculinización da súa amiga Agatha, unha moza de 22 anos.

DAVID TRUEBA, INVITADO ESPECIAL DA ÚLTIMA XORNADA

A última xornada do festival arrancou dende primeira hora da mañá coas proxeccións de curtas nas distintas categorías oficiais. A mediodía o Torreiro encheuse de público para asistir ao coloquio co director madrileño, David Trueba, invitado especial en Cans nesta edición. Trueba mostrou as súas dotes para a oratoria e o seu sentido do humor nun diálogo co público e co director do festival, Alfonso Pato, que prolongouse máis dunha hora.

O director contou distintas anécdotas da súa longa traxectoria no mundo do cine, con referencias a actores como o inesquecible Fernando Fernán-Gómez e ao seu amigo Jorge Sanz. Despois do coloquio, Trueba deixou as súas pegadas no Torreiro das Estrelas, que xa conta con dous Truebas xa que o seu hermano Fernando o fixo hai algún anos.

A última xornada de Cans contou con moitas actividades nos distintos espazos do festival con concertos de bandas como Grande Amore o Escuchando Elefantes, ademais da actuación final de The Rapants que pecharán o festival no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río a partir de medianoite.