O FESTIVAL E GADIS ENTREGAN ÓS VECIÑOS CESTAS DE NADAL

Como cada Nadal nos últimos anos, o Festival de Cans e a empresa Gadis achegaron ás veciñas e veciños de Cans, vinte cestas de Nadal para agradecerlles a moitas familias a estreita colaboración que manteñen co festival. Nestes días, o local parroquial de Cans acolleu a entrega das cestas a todas as persoas que prestan as súas adegas, alpendres e baixos para facilitar a celebración do festival, así como a persoas da aldea que desenvolven unha estreita colaboración con nós.

O Festival de Cans e o noso patrocinador Gadis queren así devolver a xenerosidade de todas estas veciñas e veciños que colaboran desinteresadamente para que o certame saia adiante en cada edición.

Unha desas cestas é cedida pola organización para a familia que este Nadal organiza as Festas de Santo Estevo, e que poida ser subastada na tradicional poxa de paos, ademáis doutras colaboracións que o festival mantén coa familia organizadora para apoiar a celebración destas festas.

O Festival quere ratificar así a súa contribución social coas veciñas e veciños de Cans, que se completan coa acción de entrega de vales para mercar material escolar para nenas e nenos que tivo lugar no pasado mes de Setembro.