Álvaro Gago e María Vázquez

O FESTIVAL DE CANS TERÁ UNHA INTENSA PROGRAMACIÓN O DÍA DAS LETRAS GALEGAS CON CINE, MÚSICA E COLOQUIOS

Por primeira vez na súa historia o Festival de Cans contará cunha intensa programación da mañá ata a noite para celebrar o Día das Letras, a gran festa anual da lingua galega. O mércores 17 de maio haberá cine en galego, coloquios, música tradicional e actividades como Novas Camadas ou o Día dos Veciños. Será una gran xornada festiva e unha forma distinta de celebrar o Día das Letras.

A primeira hora da mañá arrancarán as actividades coa estrea do documental “Florencio, o cego dos Vilares”, dirixido polo músico Pancho Álvarez. O filme afonda na vida de considerado como último xograr galego, o músico cego Florencio dos Vilares, violinista, cantor e contador natural da Fonsagrada e tío avó do coñecido artista Xoel López. Morreu no ano 1986 pero deixou unha fonda pegada co seu xeito de interpretar a música tradicional, influíndo de xeito decisivo nas seguintes xeracións de violinistas.

Trala proxección do documental, terá lugar unha sesión vermú no Torreiro coa presenza das violinistas María Jorge, Aldara Palmeiro, Begoña Rioboó e Antía Ameixeiras e do acordeonista Carlos Quintá, que acompañarán a Pancho Álvarez.

Pancho Álvarez

Ao mediodía, tamén no Torreiro, terá lugar un coloquio entre o director Alvaro Gago e a actriz María Vázquez, sobre o proceso de creación de “Matria”, unha das últimas grandes películas do cinema feito en lingua galega que está a obter un gran éxito de público e crítica despois da súa recente estrea, e o seu paso polo Festival de Berlín.

Gago é un director que obtivo en dúas ocasións o Premio do Xurado en Cans, unha delas coa súa curta “Matria”, que é a orixe da longametraxe. A actriz María Vázquez chega a Cans nun gran momento da súa carreira, despois de obter a Biznaga de Prata en Málaga polo seu traballo en “Matria”, película que poderá verse ese mesmo día ás 16.30 no Baixo de Bugarín

Outra das actividades para celebrar o Día das Letras serán as proxeccións das curtas da sección Novas Camadas, que mostra o traballo de novos cineastas galegos menores de 25 anos. Serán dez curtametraxes, realizadas polos cineastas máis novos, que se farán públicos nos próximos días.

Nesta xornada especial adicada ao Día das Letras tamén se presentará o documental “De casa en casa”, unha homenaxe ás veciñas de Cans que recolle as testemuñas dos oficios extinguidos nos anos 70 do século pasado, como os das mulleres que percorrían as aldeas coas máquinas de coser ao lombo, ás que cociñaban nas celebración doutras casas ou as que facían de parteiras para axudar a parir a outras mulleres.

Pola noite, as 21:30, o Torreiro recibirá AcordeCans e ás Pandereteiras de Cans para poñerlle música á noite máxica das veciñas e veciños da aldea. Será o fin de festa perfecto para un día moi intenso de actividades e homenaxe á lingua e á tradición no festival.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

eighteen − 14 =