Curta seleccionada na categoría Furacáns

O FESTIVAL DE CANS SELECCIONA 12 CURTAS NA CATEGORÍA FURACÁNS, 10 DELAS DIRIXIDAS POR MULLERES E 8 ESTREAS

Dedicada ás obras de non ficción que asumen maior risco narrativo, este apartado competitivo foi medrando nos últimos anos ata sumar nesta edición unha ducia de curtas, entre as que haberá oito estreas, seis delas estreas absolutas e outras dúas estreas en Galicia.

Ademais disto, o Festival de Cans volve apostar pola ollada feminina incrementando de xeito significativo a participación de mulleres cineastas, con dez das doce obras a concurso nesta sección asinadas por directoras. Isto supón máis dun 80% do total de cintas escollidas para competir e combinará a presenza de directoras máis experimentadas como Diana Toucedo, as irmáns Also Sisters ou Adriana Páramo, doutras emerxentes como Aldara Pagán, Andrea Beade e Quiela Nuc ou de prometedoras debutantes como Claudia Pineda, Lucía Alonso, Antía Encisa, Yasmina Farahni Luaces e Silvia Muíña.

Relación de Curtas a competición na categoría Furacáns 2022

  1. NOCHE DE 2202, de David Outón / 6 min. / 2022 / Estrea absoluta.
    O director de Portonovo amósanos nesta cinta o fenómeno da cidade de noite. Os paxaros voaban describindo ondas no vento.
  2. EL VIAJE, 1988, de Claudia Pineda / 6 min. / 2021.
    Claudia Pineda atopa no vello arquivo familiar, unha viaxe que a súa avoa fixo á China un ano antes da matanza de Tiananmen. Contra o olvido, ás imaxes. El viaje, 1988, devolve a memoria perdida.
  3. TATUADO NOS OLLOS LEVAMOS O POUSO, de Diana Toucedo / 25 min. / 2022.
    O último filme de Diana Toucedo, Tatuados nos ollos levamos o pouso, é un fermoso achegamento ao traballo das mariscadoras da ría de Vigo. Os corpos esfórzanse arañando a beira do mar, mentres a poesía de Dores Tembrás fala desta muller anónima e sacrificada; xunto ás imaxes poderosas, a música de Bflecha leva o filme a unha dimensión inusual neste tipo de traballos.
  4. UNA SOLA NACIÓN, de Silvia Muíña / 11 min. / 2021 / Estrea absoluta.
    Una sola nación, de Silvia Muíña, amosa un retrato fresco e urbano de dous rapeiros venezolanos que tratan de gañar a vida nas rúas de Colombia. Irmáns, cómplices, cantan á resistencia e á tolerancia.
  5. O QUE QUEDA, de Alejandro Rodríguez / 9 min. / 2022.
    Nunha variante do cinema sen cámara, O que queda, de Alejandro Rodríguez, constrúe o filme cun percorrido pola galería do seu móbil, facendo unha inquietante reflexión sobre o valor das experiencias vitais e a construción dos recordos.
  6. SEN TÍTULO, de Aldara Pagán / 5 min. 53 seg. / 2021 / Estrea en Galicia.
    Aldara Pagán fala sen disimulo da presión que senten os creadores para se manter na cresta da ola. En colaboración con Adrián Canoura, este Autorretrato verte un torrente de pensamentos sobre si mesma, nunha nova mostra do traballo co corpo que ven ensaiando Pagán.
  7. NÓS- OUTROS, de Lucía Alonso / 12 min. / 2022 / Estrea absoluta.
    Nós-Outros, de Lucía Alonso, bebe do realismo máxico para tender unha ponte na fronteira galaico-portuguesa; o mesmo río, o mesmo mar, eles, nós e a nosa identidade difusa.
  8. ANATOMÍA DUNHA SEREA, de Adriana Páramo / 15 min. / 2022 / Estrea absoluta.
    En Anatomía dunha serea, Adriana Páramo recolle a testemuña dunha vítima de violencia obstétrica, a actriz Iria Pinheiro, que atopou no teatro a mellor forma de visibilizar prácticas atroces habituais nos paritorios. Animacións de Borja Santomé puntean este relato de denuncia social.
  9. AURA, das Also Sisters / 3 min. 39 seg. / 2021 / Estrea Galicia.
    En Aura, as cineastas galegas afincadas en Utah Sonia e Miriam Albert-Sobrino, máis coñecidas como as xemelgas Also Sisters, mesturan a poesía de Rosalía de Castro coa súa personal visión estética dun planeta maltratado pola humanidade.
  10. A CINQUITO, CON DERECHO A TOCAR de Andrea Beade e Quiela Nuc (NucBeade) / 14 min. 33 seg. / 2022 / Estrea absoluta.
    O dúo formado por Quiela Nuc e Andrea Beade (Nuc Beade), confróntanos coa beleza de antigos oficios artesanais ao servizo dun cruel espectáculo vixente ata fai ben pouco. A cinquito, con derecho a tocar, reaparece despois de se ter perdido no tempo…
  11. SOMOS, de Antía Encisa / 6 min. 15 seg. / 2022 / Estrea absoluta.
    Millenial e transgresora, Somos, de Antía Encisa, fai un interesante paralelismo entre a apropiación de contidos na rede, e a multiplicidade de voces para falar da (absurda) necesidade de definirnos.
  12. GALICE GALICE,  de Yasmina Farhani Luaces / 6 min. 11 seg. / 2021
    A vida entra a néboa, o val cuberto por un denso mar… Sensible achegamento á nosa cultura a través do clima, a paisaxe e a música popular.

A competición da categoría Furacáns celebrarase o sábado, 21 de maio, día grande do Festival de Cans. A organización pon á venda 75 entradas para a sesión matinal e 150 para a sesión de tarde, a un prezo de 6 euros que poden adquirirse a través da tenda en liña do Festival de Cans.

*Na apertura, imaxe da curta Somos una nación, de Silvia Muíña, estrea absoluta no XIX Festival de Cans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

five + 5 =