Premio Alecrín da Cultura

O FESTIVAL DE CANS RECIBIRÁ O PREMIO ALECRÍN DA CULTURA, OTORGADO POLAS ENTIDADES CULTURAIS GALEGAS DE CATALUÑA

O Festival de Cans recibirá este mércores 9 de agosto o prestixioso Premio Alecrín da Cultura, concedido pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña (Fegalcat). A asamblea desta Federación, que agrupa a 14 entidades culturais galegas en toda Cataluña, quixo conceder ao Festival de Cans o Premio á Promoción Cultural, valorando a traxectoria do certame no ano no que está a celebrar o seu vixésimo aniversario.

A entrega destes premios terá lugar nun acto que se celebrará no fermoso Castelo do Concello ourensán de Castro Caldelas, presidido pola alcaldesa da localidade, Sara Inés Vega. A este acto asistirá o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, que recollerá o galardón no nome de toda a organización.

Xunto co Festival de Cans, recibirán este premio outras personalidades destacadas da cultura galega, como a escritora María Xosé Porteiro en Literatura, o escultor Acisclo Manzano en Artes ou o histórico grupo Leilía, que este ano anunciou a súa retirada dos escenario, na categoría de Música.

Os Premios Alecrín entréganse desde hai quince anos, para recoñecer o traballo a prol da cultura de asociacións, empresas e entidades galegas. Cada ano celébrase o acto de entrega nun concello galego diferente, case sempre vinculado á presenza de galegos en Cataluña. 

O Festival de Cans suma deste xeito un novo galardón, nun ano tan especial para a organización como é o do vinte aniversario do certame. Este premio suma o noveno recoñecimento do certame ao longo das súas dúas décadas de vida, todos eles concedidos por prestixiosas institucións. O Festival de Cans é o festival de cine e de música que suma máis recoñecimentos en Galicia, entre os que están os de maior relevancia.

Entre estes galardóns está o Premio da Cultura Galega, otorgado pola Xunta de Galicia en 2019, sendo a primeira vez que o recibía un festival de cinema,  ou o Premio da Crítica á Innovación Cultural, concedido en 2009, otorgado pola  histórica Fundación Premios da Crítica.

O último premio recibido polo certame fora o Premio Rodolfo Prada de xestión cultural, otorgado pola Deputación de Ourense en 2021. Anteriormente, no ano 2010, a Deputación de Pontevedra concederá ao certame o premio “Innovación e Vangarda”, no ámbito cultural. Outros premios foron o “Premio Círculo” da Cultura, concedido polo CRC de O Porriño en 2010, ou os recoñecimentos que o Festival de Cans recibiu do Festival de Ascaso (Aragón), en 2014 ou do Festivalito da Illa da Palma, en 2007, en ambos casos pola promoción do cine de autor no ámbito rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

thirteen − two =