O FESTIVAL DE CANS RECIBE O PREMIO CREA DE HONOR, CONCEDIDO POLA ASOCIACIÓN DE CINEASTAS DE GALICIA

O Festival de Cans recibiu esta fin de semana o Premio CREA de honor, concedido pola asociación de realizadoras e realizadores de Galicia. Este prestixioso recoñecimento está impulsado por esta asociación que agrupa a perto de 200 profesionais e está presidida polo cineasta Fon Cortizo.

O Premio CREA foi concedido ex-aequo a tres festivais que este ano cumpren vinte anos, como son Cans, Play-Doc e Curtocircuito.

É a primeira vez que o Premio CREA de honor recae en festivais de cine. A través dun comunicado, CREA recoñece “o enorme traballo ao longo de vinte anos, apoiando sempre aos cineastas de Galicia e converténdose en citas de referencia para o noso audiovisual”.

A entrega da prezada taza que supón este galardón tivo lugar este sábado, nunha gala celebrada na Sala Riquela de Santiago de Compostela. O premio foi recollido por Keka Losada, Presidenta da Asociación Arela que organiza o certame. Este é o segundo recoñecimento que o Festival de Cans recibe neste mesmo ano, no que está a celebrar o seu vixésimo aniversario. O anterior fora o Premio Alecrín, entregado o pasado mes de Agosto en Castro Caldelas pola Federación de entidades culturais galegas en Catalunya.

Ao longo dos seus vinte anos de historia, o Festival de Cans foi galardonado cos máis prestixiosos premios culturais de Galicia, pero o Premio CREA é especial ao ser o primeiro galardón concedido por unha asociación de profesionais do sector.

En 2019 Cans recibiu o Premio da Cultura Galega, máximo galardón cultural que otorga a Xunta de Galicia, e primeira vez que foi entregado a un festival. Antes, en 2009, o festival recibiu tamén o Premio da Crítica á Innovación Cultural, concedido pola Fundación Premios da Críta, unha das entidades máis prestixiosas de Galicia. En 2021, a Deputación de Ourense tamén recoñeceu ao Festival de Cans co Premio Rodolfo Prada de xestión cultural, ademáis doutros como o Premio á Innovación Cultural da Deputación de Pontevedra, Premio Ateneo de Ourense ou Premio Círculo.

Felicitación pública ao equipo de “O Corno”, filme gañador da Concha de Ouro en San Sebastián, coa porriñesa Janet Novás como protagonista

O Festival de Cans quere amosar publicamente a súa enorme satisfacción polo triunfo histórico do filme “O Corno”, no Festival de San Sebastián, e trasladar a felicitación a todo o equipo, coa directora Jaione Camborda á cabeza, a produtora Andrea Vázquez e a actriz porriñesa Janet Novás.

Na última edición do festival, o certame tivo a honra de poder amosar na sección “Fillxs de Cans”, as primeiras imaxes inéditas desta película no Baixo de Carlos, contando coa presenza da propia Janet Novás e de Jaione Camborda.  No ano 2020, o Festival de Cans xa proxectara “Arima”, o primeiro filme da directora, que competiu tamén coas súas curtametraxes en seccións como a categoría “Furacáns”, e incluso chegou formar parte do xurado do certame. O triunfo de Camborda, cineasta asidua do Festival de Cans, marca un fito histórico do cinema feito en galego e reafirma o traballo da organización de visibilizar en cada edición o enorme talento das creadores e creadoras galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

twenty − five =