Foco internacdional de Joao Nicolau

O Festival de Cans realizará un foco internacional de João Nicolau, un dos cineastas máis brillantes no novo cine portugués

A XIX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 18 ao 21 de maio, continuará esta edición na súa liña de programar unha retrospectiva internacional, que dea coñecer ao público algúns dos cineastas máis interesantes e orixinais do momento.

Logo da retrospectiva dedicada na última edición a Kléber Mendonça Filho, un dos grandes cineastas brasileiros da actualidade, este ano Cans programará outra retrospectiva de gran nivel, como é a do cineasta portugués João Nicolau, un dos expoñentes máis brillantes do novo cinema portugués.

filme de John From de Joao Nicolau
Fotograma de John From (João Nicolau, 2015).

João Nicolau (Lisboa, 1975), realizou ata o de agora tres filmes, que se poderán ver en Cans e que foron estreados en certames de gran prestixio como Cannes, Venecia, BAFICI de Bos Aries, Locarno ou Sevilla. A irrupción do fantástico e o onírico, entremesturados coa cotiandade para dar paso a novas realidades, é unha das características da obra de Nicolau, o que converte o seu cine nun territorio máxico, onde a música e o humor xogan un papel destacado.

filme de John From de Joao Nicolau
Outro momento da película John From (João Nicolau, 2015).

O director estará presente en Cans, onde o público poderá conversar con él sobre os seus filmes, e tamén sobre as súas curtametraxes, das que o festival ofrecerá unha sesión, con Rapace (2006), estreada en Cannes, Cançao de Amor e Saúde (2009), que tamén pasou por alí, Gambozinos (2013), premiada en festivais internacionais como Milán, Belfort ou Vila do Conde e O Dom Das Lágrimas (2012), unha viaxe iconográfica inmersa na fantasía lusitana.

Como explicou na presentación da imaxe desta XIX edición o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, a retrospectiva das longametraxes de Nicolau servirá como introdución ao certame na fin de semana anterior ao mesmo, buscando ampliar a mirada cinéfila do público á vez que se descobren novos e interesantes autores de alcance internacional. Os filmes proxectaranse no Centro Cultural, cedido polo Concello do Porriño, e a entrada será de balde.

filmes de Joao Nicolau
A súa primeira película, A espada e a rosa (2010), proxectarase o xoves, 12 de maio, ás 20 h e contará coa presentación do director que se dirixirá ao público vía streaming. Ao día seguinte, venres 13 ás 21, será o pase de John From (2015) e o sábado ás 12 h poderá visionarse Technoboss (2019).

João Nicolau estará presencialmente en Cans na fin de semana máis intensa do festival onde será o convidado do encontro Café Dromedario con CREA, organizado en colaboración coa asociación de directoras e directores galegos. Tamén ofrecerá ao público un avance do seu novo filme en posprodución, John in Christ.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

17 + 16 =