O FESTIVAL DE CANS INICIA ESTE SÁBADO EN CAMINHA O SEU PERCORRIDO DE PROXECIÓNS INTERNACIONAIS

O Festival de Cans comezará este sábado 30 de setembro na localidade portuguesa de Caminha o seu programa internacional “Cans Itinerante”, que busca visibilizar en varios países as obras premiadas na última edición do certame. Ata o momento, xa hai confirmadas cinco datas en catro países diferentes, a maioría en grandes capitais europeas, como Lisboa, Madrid, París e Bruxelas.

Como ven sendo habitual nos últimos anos, este sábado as proxecións arrancarán no fermoso Teatro Valadares de Caminha, coa colaboración do Cineclube Locus Cinemae desta localidade portuguesa. O horario previsto para as proxecións será ás 21,45 horas portuguesas. A sesión iniciarase co documental “Cans 22” de Javier Sobrado, que amosa a idiosincrasia do Festival de Cans a través dun achegamento a veciñas e veciños, cineastas e espazos da aldea e continuará coa curta de animación “Sandwich Cat”, de David Fidalgo, que levou o Premio do Público na última edición de Cans. Fidalgo é un dos grandes valores da animación galega, que xa fora finalista dos Premios Goya coa súa curta “Homomaquia”, estreada en Cans.

A curta que completará a sesión será “Mariví na pel da memoria”, das irmás Laura e Coral Piñeiro, unha mirada singular e persoal sobre a exiliada Mariví Villaverde, que levou o Premio Furacáns de non- ficción na última edición de Cans. Estas dúas irmás cineastas estarán presentes no Teatro Valadares de Caminha para manter un encontro co público asistente, no que estarán acompañadas por Alfonso Pato, director do Festival de Cans.

O programa “Cans Itinerante”, quere ser unha ferramenta para visibilizar en grandes cidades europeas a idiosincrasia da conexión co territorio do Festival de Cans e, ao mesmo tempo, achegar ao público doutros países a obra das novas e novos cineastas que emerxen en Galicia. O pasado ano, arredor de 500 persoas de diferentes países, asistiron presencialmente a estas proxecións, que se exhiben en lingua orixinal, con subtítulos noutras línguas como inglés ou francés.

Trala proxeción deste sábado en Caminha, a seguinte parada será o Centro Galego de Lisboa, o vindeiro 13 de outubro. En Novembro, a programación das curtas gañadoras de Cans chegará a Université Sorbonne de París o dia 13 e, unha semana despois, o día 20 de novembro, proxectaranse en Madrid, na University of Saint Louis, no marco da colaboración entre o Campus en Madrid desta universidade americana e o Festival de Cans. No mes de decembro está previsto a exhibición das curtas de Cans no Cinema Vêndome de Bruxelas, nunha data que se concretará nos vindeiros días.

O Festival tamén está traballando para ampliar nas vindeiras semanas o número de proxecións noutras cidades, intentando crear deste xeito unha rede europea de espazos onde as curtametraxes e as novas e novos cineastas galegos poidan ter maior visibilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

twenty − 16 =