Entrega vales Carlin

O FESTIVAL DE CANS ENTREGA VALES DE MATERIAL ESCOLAR

O Festival de Cans fixo entrega esta semana de vales de material escolar para 15 nenas e nenos da aldea que habitualmente colaboran co festival, ou ben que viven en casas que as súas familias ceden para levar a cabo o certame.

Este ano, a organización incorporou a seis rapazas a rapaces que xa cumpriran os 15 anos, e decidiu prescindir dos de menor idade para evitar riscos derivados das circunstancias da Covid, e manter a seguridade como máxima prioridade. Malia que as nenas e nenos mais pequenos non participaron no festival, desde a organización optouse por continuar facendo un esforzo para seguir coa entrega habitual de vales para mercar material escolar, e poder axudar tamén ás familias. En total, serán vales para que 15 nenas e nenos poidan mercar material escolar por un importe de 20 euros, na cadea de papelerías Carlin, empresa que apoia esta iniciativa.

É o sexto ano consecutivo que Cans desenvolve esta iniciativa, tratando de que o festival sexa unha plataforma que poida colaborar na donación de material e que contribúa a axudar na educación destas nenas e nenos. Todos estes rapaces, ou as súas familias, son colaboradores habituais do festival desde hai xa varios anos, onde desenvolven labores que van desde guiar e orientar nos camiños a todo o público que ven ó Festival de Cans.

Pouco a pouco, moitas e moitos destas nenas e nenos, van coñecendo a estructura do festival, e desenvolvendo labores de maior responsabilidade, sumando moitas e moitos deles xa máis de dez anos traballando na organización. Este ano, sete mozas e mozos de mais de 18 anos incorporáronse á estructura do festival, seguindo deste xeito unha cadea de aprendizaxe dentro da organización.

O Festival de Cans segue unha fórmula organizativa onde os nenos máis pequenos van sendo coordinados por outros maiores, e estes á súa vez son tutelados por persoas adultas, coñecedoras da dinámica do festival. Deste xeito vanse rotando en cada edición para coñecer un por un os departamentos do festival, coa esperanza de que eles sexan os que asuman a organización no futuro.

Algunhas e algúns destes rapaces tamén participan en cada edición no xurado dos veciños, para darlles a oportunidade de visionar todas as curtametraxes a concurso e aportar a súa propia opinión, cun grupo de persoas de maior idade coas que o festival promove unha relación de respecto interxeneracional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nineteen − 11 =