Despedida de Cinemaldea

O FESTIVAL DE CANS DESPIDE ESTA FIN DE SEMANA O CICLO CINEMALDEA CON PROXECIÓNS EN ATIOS E BUDIÑO

O Festival de Cans despedirá esta fin de semana o ciclo Cinemaldea, que ó longo de todo o mes de novembro levou con moito éxito o cinema en forma de curtametraxes ás zonas rurais do Concello do Porriño.

As dúas últimas oportunidades para ver a selección de curtametraxes premiadas na última edición do Festival de Cans, serán este sábado 26 de novembro na Asociación Os Penediños de Atios ás 17,00 horas, e o domingo 27 no Centro Cultural A Forna de Budiño, ás 19,00 horas, en ambos espacios con entrada libre ata completar o aforo.

O público que asista terá ocasión de ver catro curtametraxes nunha sesión total duns 80 minutos. A primeira será a curta documental “18 Cans, maioria de idade”, un retrato sobre a idiosincrasia da aldea de Cans e o seu festival, dirixido por Isaura Docampo. A continuación terán ocasión de visionar “Devoradora de nenos”, dirixida por Fran X. Rodríguez e que levou o Premio ó mellor actor en Cans para Santi Prego, actor que fora tamén finalista dos Premios Goya polo seu traballo no film “Mientras dure la guera”, de Alejandro Amenábar. O programa completase coas curtametraxes premiadas cos premios do Xurado e do Público na última edición do festival. O público poderá ver “Rompente” de Eloy Domínguez, gañadora tamén do último Festival de Málaga, e “La Entrega” de Pedro Díaz, que está obtendo numerosos premios e seleccións por festivas de todo o mundo. Dase a circunstancia de que ambas curtas están na carreira final das que serán finalistas dos Goyas, os grandes premios do cinema español.

O actor Sergio Baleirón estará en Atios

Nesta segunda edición de #Cinemaldea, realizada en colaboración co Concello do Porriño, incoroporouse tamén a novidade dos encontros co público con directores e actores, que están a ter un gran éxito.

Nas dúas últimas proxecións pasaron convidados como a realizadora Isaura Docampo, que explicou o proceso do seu traballo na cita de Chenlo, e o coñecido actor Santi Prego, co que o público desfrutou no Centro Cultural de Cans. Prego contou numerosas anécdotas do seu traballo ó lado de grandes da interpretación como Javier Cámara ou de directores como Alejandro Amenábar.

Seguindo nesta liña, este sábado conversará co público na Asociación Os Penediños de Atios o actor Sergio Baleirón, unha das grandes promesas da interpretación en Galicia, e protagonista da curta “Rompente”. Baleirón, que levou o premio á Mellor actor no Festival de Ourense polo seu traballo, foi seleccionado nun casting por Eloy Domínguez, director da curta, e comezou unha carreira na que xa leva varias curtas e longametraxes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

six + sixteen =