Periplo internacional Festival de Cans

O FESTIVAL DE CANS COMEZA ESTE VENRES EN CAMINHA UN PERIPLO INTERNACIONAL QUE O LEVARÁ POR VARIAS CIDADES EUROPEAS

O Festival de Cans comezará este venres 2 de Setembro en Caminha (Portugal), un periplo de proxecións internacionais que o levará por varias cidades europeas, ó longo dos vindeiros meses.

Coa colaboración do histórico cineclube Locus Cinemae de Caminha, unha selección das curtas premiadas na última edición do Festival de Cans, poderán verse este venres a partir das 22,30 horas (hora galega) no Teatro Valadares, un dos máis fermosos espazos de todo o Norte de Portugal.
Con entrada gratuita, e co apoio da Cámara Municipal de Caminha, o público poderá acceder á proxeción de dúas das obras de cineastas galegos que máis expectación levantaron nos últimos meses, e que tamén foron premiadas en Cans. 

En Caminha proxectaranse as obras “Rompente” de Eloy Domínguez, Premio do xurado no Festival de Cans, e “Sycorax”, de Los Patiño e Matías Piñeiro, premio á mellor realización en Cans e premio á mellor fotografía para Mauro Herce. “Rompente”, un relato estremecedor sobre unha parella nova cun bebé que vive ó límite nun contexto mariñeiro,  está a ser unha das sensacións do ano. O seu periplo  comezón cun gran éxito, como foi á Biznaga de Prata á mellor curtametraxe na última edición do Festival de Málaga.

Pola súa parte, “Sycorax”, unha fermosa historia que parte do primeiro personaxe que pilla a illa de “A Tempestade” de William Shakespeare, ademáis de ser premiada en Cans, pasou por algúns dos mellores festivais do mundo, como o Festival de Cannes, Toronto ou Mar de Prata. A proxeción deste filme contará coa presenza en Caminha da produtora do mesmo, Beli Martínez de Fílmika Galaika, unha das profesionais máis relevantes do cinema galego actual. Martínez estará acompañada en Caminha polo director do Festival de Cans, Alfonso Pato, que tamén presentará o documental “18 Cans, maioría de idade”, un filme sobre o último festival de Cans dirixido por Isaura Docampo.

Esta será a primeira dunha serie de proxecións que o Festival de Cans está a preparar nun periplo internacional por varias cidades europeas. Varias das curtas premiadas na última edición de Cans serán exhibidas nos vindeiros meses en cidades como Lisboa, Bruxelas, París ou Londres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

19 − four =