A XXI edición do Festival de Cans, xa ten datas para 2024. O festival desenvolverase ao longo de cinco días de duración, entre o martes 21 e o sábado 25 de maio.
Así o decidiu a asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do Festival de Cans desde a súa primeira edición, celebrada no ano 2004. O certame regresa así ás súas datas naturais na cuarta semana de maio, coincidindo coas datas do Festival de Cannes francés, despois de que o pasado ano tivese lugar na terceira semana do mes, cadrando coa semana das Letras Galegas.
Despois da decisión da asemblea, o festival comunicou xa as datas ás veciñas e veciños que prestan as súas casas e colaboran co festival, así como ás institucións, patrocinadores e empresas locais que apoian o certame. O Festival de Cans foi elixido o pasado ano como unha das grandes referencias culturais de Galicia, segundo o prestixioso estudo promovido pola Fundación Contemporánea, referente dos estudos culturais en España, e recibiu recentemente o Premio CREA á súa traxectoria, otorgado por esta asociación que reúne a perto de 200 directores e directoras de cine de toda Galicia.
A organización traballa agora mesmo en reunións con institucións e na búsqueda de patrocinios para a nova edición. Nos vindeiros días o certame anunciará a apertura da súa convocatoria para recibir obras que desexen participar na nova edición do festival.