Apertura de convocatoria Festival de Cans 2022

O FESTIVAL DE CANS ABRE CONVOCATORIA PARA ENVÍO DE OBRAS E REBASARÁ POR VEZ PRIMEIRA OS 10.000 EUROS EN PREMIOS

A XIX edición do Festival de Cans, que este ano regresa á primavera, e terá lugar entre o 18 e o 21 de maio de 2022, xa ten aberto o prazo de inscrición para concursar no certame. As obras candidatas a proxectarse en Cans poderán inscribirse na web do festival de xeito gratuito, ata o 6 de marzo, data na que rematará o prazo.

Por primeira vez na súa historia, o certame rebasará os 10.000 euros en premios, que destinará a recompensar as curtas premiadas nas diversas categorías a concurso. En concreto serán 10.100 euros, aumentando as dotacións nas categorías Furacáns, destinada ás obras de non ficción, e de Novas Camadas, destinada ás creadoras e creadores mais novos, que teñan 25 anos ou menos e naceran de 1997 en diante. Estas dúas seccións son as que máis medraron nas dúas últimas edicións, e o festival quere deste xeito seguir potenciando estas categorías.

Con esta dotación, o certame quere facer un esforzo económico e manifestar o compromiso coas creadoras e creadores, do mesmo xeito que nas últimas edicións de 2020 e 2021. Cans trata de consolidar este apoio nunhas circunstancias moi complexas para todos os cineastas, coa conseguinte perda do volume de traballo, tras case dous anos baixo os efectos da pandemia.

As obras que se poderán inscribir para concursar na XIX edición do Festival de Cans serán curtametraxes, videoclips, webseries, documentais ou filmes de ficción e animación, realizados entre os anos 2021 e 2022, e onde primará a selección de obras que sexan estreas. As obras que non entren na competición o oficial, serán valoradas polo comité de selección para integrar algunhas das varias seccións paralelas que terá o certame.

O pasado ano, un total de 102 obras foron proxectadas nos diferentes espazos do festival, ó longo dos catro días de duración do mesmo. As obras inscritas en prazo, pasarán primeiro o filtro do comité de selección das mesmas, e posteriormente as pezas finalistas serán xulgadas por cada un dos tres xurados específicos que terá o certame, ademáis do xa clásico xurado das veciñas e veciños, composto por persoas da aldea de diferentes idades que representan ós diferentes barrios.

As principais dotacións estarán destinadas este no á categoría de ficción, cuxo gañador recibirá 2.000 euros, e as de animación, Furacáns e premio do público dotadas cada unha delas con 1.500 euros, ademáis do correspondente Can de Pedra, o emblemático trofeo de Cans deseñado polo artesán canteiro Paco Candán.

O Festival de Cans quere lembrar que todos os que accedan a participar deberán cumprir coas habituais condicións das bases, ademáis dunha cláusula pioneira nos festivais de cinema, como é a cláusula de violencia de xénero. A través desta cláusula a organización resérvase o dereito de excluir da competición a curtametraxes cuxos responsables fosen condenados por calquera delito tipificado como violencia de xénero, ou condenados por delitos que a organización poida considerar de gravidade, como para formar parte dos concursantes do certame.

>>> Bases da convocatoria

>>> Inscrición Online

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

three × 1 =