Malencolía de Alfonso Zarauza

“MALENCOLÍA”, DE ALFONSO ZARAUZA, E A MOSTRA DE ARQUITECTURA DE CREUS E CARRASCO NO DÍA DAS LETRAS DO FESTIVAL DE CANS

O Festival de Cans suma este ano unha xornada de programación, coincidindo co Día das Letras, e comeza este 17 de maio a súa semana grande. Tralo éxito da retrospectiva das tres longametraxes de João Nicolau na previa do certame, o Festival de Cans únese ás conmemoracións deste martes festivo na comunidade con cinema e arquitectura feitos en Galicia.

Malencolía é a nova longametraxe do director compostelán Alfonso Zarauza, un dos máis fieis participantes deste festival. Na edición do 2021 presentaba este proxecto en Fillxs de Cans. Estará este martes 17 ás 17.30 h na proxección no Centro Cultural do Porriño. Nese mesmo espazo, ás 20 h, terá lugar a inauguración da exposición “Entre Cans e Venecia”, dos arquitectos coruñeses Juan Creus e Covadonga Carrasco, que traen a Cans a montaxe exposta na famosa Bienal de Venecia.

Bienal de Venecia

Con 11 nominacións aos Premios Mestre Mateo celebrados en marzo, Malencolía fíxose con dous galardóns, os de Diego Anido e Iolanda Muíños como mellores actor e actriz de reparto. Rodado no Carballiño, o filme mestura terror e comedia. Narra a volta ao rural galego desde Berlín da parella protagonista, formada por Xulio Abonjo e Melania Cruz. Tras mercar unha casa por Internet, intentarán comezar unha nova vida nunha pequena aldea. Alí coñecerán a Isolina, a única veciña, unha personaxe moi peculiar. Á proxección, que será de entrada libre ata completar cabida, acudirán o director e guionista, Alfonso Zarauza, xunto a Melania Cruz e Ledicia Sola, outra das integrantes do elenco.

Ao remate deste pase, tamén no Centro Cultural do Porriño, ás 20.00 h, está prevista a inauguración da mostra de arquitectura que os coruñeses Juan Creus e Covadonga Carrasco levaron en 2020 á Exposición Internacional de Arte de Venecia, unha das citas máis relevantes do sector a nivel mundial. Titulada “De Cans a Venecia”, a instalación exposta na cidade italiana reflexionaba acerca da relación do festival co territorio onde se celebra, afondando na reconversión dos espazos cotiáns e de uso privado, neste caso os “ghalpóns“, en lugares de acción cultural públicos.

A instalación exhibida en Venecia e mais as maquetas sobre as que traballaron os arquitectos antes de lle dar a forma definitiva, viaxan agora por primeira vez ao lugar onde naceron e serán expostas ata finais de maio, como parte da programación do Festival de Cans.

ÚLTIMAS ENTRADAS Á VENDA

Quedan menos de 25 localidades dispoñibles para asistir aos pases matinais da sección oficial de ficción e animación, que xa colgaron o cartel de completo na sesión de tarde. Están tamén á venda as últimas entradas para visionar a selección a concurso de Furacáns, a categoría de curtas de non ficción. Poden adquirirse na tenda en liña do festival, que pecha a venda a través da Internet este martes 17 pola noite.

Para vivir a experiencia do Invernadoiro, e tras esgotarse as entradas da proxección do documental de Óscar Vilanova sobre Litus e a actuación deste con Pablo Novoa, quedan xa moi poucas dispoñibles para asistir á ;retrospectiva audiovisual e performance musical de Javi Álvarez, do dúo Fluzo, que actuará o día grande do festival de Cans nese espazo tan singular.

*Na imaxe de apertura: Iolanda Muíños, gañadora do Mestre Mateo 2022 á mellor interpretación feminina de reparto polo seu papel de Isolina en Malencolía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

4 × three =