Incrementase o número de curtas recibidas para Cans 2023

Incrementase o número de obras recibidas para concursar na XX edición do Festival de Cans

O Festival de Cans, cuxa XX edición terá lugar na aldea de Cans (O Porriño) durante cinco días, entre o 16 e o 20 de maio, incrementou case un 25% o número de curtametraxes e obras recibidas buscando entrar en competición nunha edición tan sinalada.

O festival recibiu para esta edición un total de 231 obras a concurso, rebasando amplamente o número de 187 recibidas o pasado ano, e achegándose á cifra récord de 2019, o ano anterior á pandemia, no que se recibiron 255 obras.

Chama a atención tamén que as obras recibidas foron enviadas por autoras e autores galegos procedentes de países como Alemaña, Portugal, Italia, Estados Unidos ou Inglaterra, ademáis de cidades españolas como Madrid, Barcelona, Pamplona ou Valencia.

As obras recibidas aumentaron en todas as categorías, sobre todo na de ficción e animación, chegando ata a cifra de 75 curtametraxes. Tamén se inscribiron 84 videoclips, 32 obras de non ficción, 20 na categoría de Novas Camadas para menores de 25 anos e 20 no apartado de outras obras, no que se inclúen documentais, longametraxes ou webseries.

Estes datos reflexan a recuperación do ritmo de produción despois dos anos de atrancos vividos durante a pandemia, no que o número de obras descendeu, debido á imposibilidade de realizar rodaxes con normalidade.

Desde hai varios días, o equipo do festival está traballando no laborioso proceso de selección do que sairán o número limitado de obras que entrarán nas diversas categorías da competición oficial. As elexidas serán as candidatas a optar ós máis de 11.000 euros en premios que repartirá o festival, e a relevar entre os premiados a curtas como “La Entrega” de Pedro Díaz, que recibiu o Premio do Público na última edición e chegou ser finalista dos Goya ou “Rompente” de Eloy Domínguez, premio do xurado, que acabou percorrendo numerosos festivais internacionais e tamén estivo na preselección dos Goya.

Por agora, o certame xa pode anticipar que se perfila unha ampla representación de mulleres creadoras en todas as seccións competitivas, así como a presenza de numerosas obras que terán en Cans a súa estrea absoluta ou a súa estrea en Galicia.

O equipo do festival intensificou nas últimas semanas o seu traballo arredor da produción e dos principais contidos do festival, ademáis de manter reunións con diferentes institucións públicas e organismos privados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

fifteen + seventeen =