Presentación Festival de Cans 2023

“HONEYMOON”, DO DIRECTOR ENRIQUE OTERO, SERÁ A PELICULA QUE ABRA A XX EDICIÓN DO FESTIVAL DE CANS

A XX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 16 ao 20 de maio, anunciou hoxe que o filme “Honeymoon”, de Enrique Otero protagonizará a sesión inaugural do certame, o xoves 18 de maio. A presentación da película, que terá lugar en Cans antes de chegar ás salas de cinema, estará apoiada polos protagonistas da mesma, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, e por outras actrices e actores galegos que forman parte do filme, como María Vázquez, que asistió á presentación ou Antonio Durán “Morris”.

“Honeymoon”, un filme producido por Control Z, Accamedia Productions e Televisión de Galicia, conta a historia de Eva (Nathalie Poza) e Carlos (Javier Gutiérrez) un matrimonio en destrucción ao que so mantén unido o recordo do seu falecido fillo Jonás que acaba de morrer nun accidente a miles de quilómetros de distancia. Sen cartos para recuperar o corpo do seu fillo, o matrimonio emprende unha viaxe de destino incerto para tratar de traer de volta o cadáver. Tamén estivo presente na presentación, celebrada na sala Riquela de Santiago, a señora Alicia, unha das veciñas que colabora co evento e propietaria do Jalpón de Alicia.

O filme chegará a Cans despois do seu paso, con moi boas críticas, polo Festival de Málaga. Os seus protagonistas, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, son dous dos intérpretes máis importantes do cinema español. Gutiérrez obtivo o Goya ao mellor actor en dúas ocasións (“La isla mínima” e “El Autor”) e foi nominado noutras catro ocasións, a última en 2023 por “Modelo 77”. Nathalie Poza tamén ten dous Goyas (“No sé decir adiós” e “La boda de Rosa”) e foi nominada noutras catro oportunidades.

Pola súa banda, María Vázquez está nun dos mellores momentos da súa carreira, xa que ademáis da súa presenza en “Honeymoon”, ven de gañar a Biznaga de Prata á mellor actriz no Festival de Málaga, pola súa impresionante interpretación en “Matria” de Alvaro Gago, que nestes días chegará ós cines.

Todos eles estarán en Cans para asistir ó icónico desfile de chimpíns e manter un encontro co público. Primeiro estarán acompañando a proxeción do filme o xoves 18 de maio no Círculo Recreativo Cultural de O Porriño, con entrada gratuita ata completar o aforo, e o día seguinte, o venres 19, asistirán a un coloquio matinal aberto no Torreiro de Cans, o estilo dos que se fixeron nas últimas edicións co historiador Ian Gibson ou a cineasta Margarita Ledo.

Na presentación do filme, Enrique Otero, director forxado en Cans, por onde pasou coas súas curtametraxes e onde estreara o seu anterior filme, “Crebinsky”, explicou que “Honeymoon” é unha película que trata de navegar entre distintos xéneros” sen que ningún resulte esaxerado” e cun desenvolvemento bastante “impredecible”. O director declarouse “Fillo de Cans”, un festival onde estivo como músico, dj, curtometraxista e xurado.

Pola súa banda, María Vázquez indicou que para ela é unha honra ter participado en “Honeymoon” e tamén destacou a súa ilusión por estar de novo en Cans, “un festival que defíneme como actriz e como muller”.

O director do Festival de Cans falou da calidade do filme de apertura do festival e apuntou que procurabase contar cun cineasta cercano a Cans, “que entenda o seu espíritu e que o visemos medrar aquí como cineasta como é o caso de Quique, e o caso dunha actriz como María, á que vimos en varios filmes e curtas en Cans”. Sinalou tamén que Javier Gutiérrez é alguén que adora o festival e “buscamos que esta edición especial sexa unha excusa para atoparse con moitos vellos. amigos”. O festival pasa este ano de catro a cinco días de duración e contará con moitas sorpresas e novidades para celebrar o seu vixésimo aniversario.

IMAXE E CARTAZ XX ANIVERSARIO

O festival presentou tamén a imaxe e as camisolas da XX edición, realizada por Pablo Rodríguez de Rei Zentolo, un dos patrocinadores do festival. Rodríguez indicou que a idea inicial foi traballar con concepto de agroglamour, que caracteriza a Cans, e tratar de incluir no cartas do festival os elementos característicos do evento: os chimpíns, os galpóns, etc. Como Cans, Rei Zentolo tamén celebra en 2023 os seus vinte anos de vida.

A primeira tanda de camisolas e entradas estará á venda desde hoxe xoves na tenda online do festival. Será un pack de entrada, camisola, chapa de edición limitada e catálogo do festival cun prezo de só 20 euros para os primeiros 300 compradores, fronte ó prezo final dos 27 euros que terá a partir do 16 de abril. Estes packs previos poderán recollerse nas tendas de Rei Zentolo e, posteriormente, durante os días do Festival de Cans.

Cartaz Festival de Cans 2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

13 − five =