O director David Trueba, a actriz María Vázquez, o músico vasco Kepa Junquera e a banda de Muros The Rapants serán algúns dos protagonistas principales da XXI edición do Festival de Cans que terá lugar entre o 21 e o 25 de maio. Serán cinco xornadas cheas de cine, música, coloquios e multitude de actividades paralelas nesta aldea do Porriño que consolidouse nestes últimos anos como unha importante iniciativa cultural con repercusión dentro e fora de Galicia. Hoxe celebrouse no Torreiro de Cans a rolda de prensa de presentación do evento, coa asistencia, entre outras autoridades, do conselleiro de Cultura da Xunta, José López Campos, e do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
Durante a presentación o director do festival, Alfonso Pato, explicou que durante as cinco xornadas do festival haberá máis de cen proxeccións das que un total de 35 serán estreas e destacou a presenza este ano en Cans do director David Trueba, dos representantes da produtora francesa Société Acéphale e do acordeonista vasco Kepa Junquera para recibir a súa homenaxe.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, José López, mostrouse moi satisfeito de ter a oportunidade de estar en Cans por primeira vez como responsable cultural da Xunta e indicou que todos os galegos coñecen da importancia dun festival que tamén representa a forza que ten neste momento o audiovisual galego. Confirmou que estará en Cans durante o desenvolvemento do festival para asistir as actividades do evento. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, apuntou que Cans é unha das parroquias máis pequenas do Porriño pero “está a organizar un dos festivais máis importantes de Galicia”.
Entre os nomes que pasarán polo festival este ano atópanse o director de cine David Trueba, un dos nomes máis destacados de panorama cinematográfico español dos últimos anos e que participará nun coloquio cos veciños e visitantes en Cans o sábado 25. A actriz María Vázquez, moi vinculada ao festival desde hai anos, recibirá o venres 24 o Premio Pedigree de Honor que recoñece o seu especial agarimo hacia Cans e a súa traxectoria como unha das intérpretes españolas máis importantes dos últimos anos.
No apartado músical, o mércores 22 terá lugar unha homenaxe ao músico vasco Kepa Junquera, na que estará presente o propio artista que dará nome a un Jaliñeiro. Neste espazo o propio Junquera realizou unha actuación histórica hai dez anos. A homenaxe completarase coa exhibición de dúas pezas documentais sobre o acordeonista, que sufriu un ictus hai uns anos.
Os grandes concertos, que xa se converteron nunha tradición en Cans, terán este ano como principais protagonistas á banda de Muros The Rapants, a última sensación do rock galego que están a levantar unha gran expectación en todos os seus concertos. Ademais, no escenario principal da Leira do Rio Estrella Galicia tamén actuarán Nat Simons e Combo Paradiso. A programación musical contará con outros concertos de formato máis pequeno con bandas como Lontreira e artistas como Susana Seivane ou Su Garrido Pombo.
UNHA PROGRAMACIÓN CHEA DE ESTREAS
No que se refire á programación cinematográfica, hai que destacar a presenza este ano en Cans de representantes da productora francesa Sociéte Acéphale (Anthony Lapia, Lorenzo Bianchi ou Eliza Muresan, entre outros) que será a protagonista de sección Foco Internacional. No festival poderán verse varios longametraxes desta produtora e haberá sesións de exhibición de curtas. Ademais, o festival terá como longametraxe de apertura o xoves 23 o filme “Alumbramiento” do director catalán Pau Teixidor e con María Vázquez no reparto.
Outros dos focos importantes na programación do festival será a proxección do filme “As Neves” da directora e guionista Sonia Méndez que debuta na longametraxe con este filme sobre a vida duns adolescentes galegos no entorno rural. Tamén hai que destacar a estrea en Cans da sección “Cineherdanzas”, que nesta ocasión recupera o patrimonio fílmico de Carlos Asorey, un esquecido cineasta galego dos anos 70.
>>> Descarga o Cartaz.
>>> Descarga o Cartaz Musical.
>>> Descarga o Díptico – Programa.
AUTORIDADES E PATROCINADORES
Ademais dos xa citados asistiron á presentación do festival Goretti Castro, Responsable de Gastronomía, Cultura e Orixe de Estrella Galicia; Isabel Blanco, actriz e delegada en Galicia da Fundación AISGE; José Luis Fernández, Director de Comunicación de Gadisa e Keka Losada, Presidenta da Asociación Arela, asociación organizadora do Festival de Cans. O evento conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra e cos patrocinios de Estrella Galicia e Gadis, entre outros.