Estrela no Torreiro Margarita Ledo

DANIEL MONZÓN, A ENTREGA DE PREMIOS E DAKIDARRÍA, NO DÍA GRANDE DO FESTIVAL DE CANS

O Festival de Cans chega este sábado ao seu día grande coa entrega dos premios da XIX edición. A última xornada do certame inclúe os encontros cos curtametraxistas e a proxección das 32 obras a concurso das seccións de Ficción e Animación, que este ano compiten na mesma categoría, e mailas de Furacáns de non ficción. Ás 23.00 h desvelarase cales destes filmes conseguen entrar no palmarés deste festival na emocionante gala de entrega dos prezados cans de pedra. Estes galardóns uniranse ao do xurado de videoclips, dado onte a coñecer e que recaeu en Xaime Miranda por “Levaino!”, creado para o músico Xurxo Fernandes. 

Ademais do apartado oficial, Cans conta extensa programación este sábado que inclúe o Coloquio na Leira co director Daniel Monzón, a proxeción deValentina, os MiniCans Gadis con Magín Blanco e Federico Pérez, un roteiro con Xurxo Souto ou a sección Correspondencias con Eloy Domínguez e Samuel Moreno. A música será outra das protagonistas do día. Proxectarase o documental sobre o cantante Litus, que actuará con Pablo Novoa no Invernadoiro onde tamén se celebrará a retrospectiva de Javi Álvarez, Fluzo. A sesión vermú co trío Caldo, o concerto do grupo canario Los Vinagres, a coruñesa Astrogirl, a mítica banda Dakidarría e a sesión disco-chimpín de Eme Dj, poranlle o ramo a esta XIX edición.

O director de El corazón del guerrero ou Celda 211, na que contou con actores galegos como Luis Tosar e Luis Zahera, e coa que levou os Goya ao mellor director e ao mellor guión adaptado estará este sábado no Coloquio na Leira. Con El niño (2015) Monzón coouse de novo entre os nominados aos premios da Academia española de cine. Agora vén de repetir éxito con Las Leyes de la frontera (2021), puro cine quinqui no que traslada á pantalla a novela homónima de Javier Cercas e cinta que lle valeu ao realizador outro Goya ao mellor guión adaptado, e o Goya ao actor revelación ao galego Chechu Salgado que acompañará o realizador neste encontro tan especial co público de Cans.

O sábado é o día dos Minicans Gadis, cunha completa programación destinada á cativada e que inclúe o espectáculo musical Caderno de Cores e Cancións de Magín Blanco, as proxeccións na caravana de A Caixiña de Mistos, ou o Trío Acivro con Federico Pérez. Tamén, pero non só para o público infantil, proxectarase Valentina, gañadora do Goya á Mellor Película de Animación 2022.

*Na imaxe de apertura, Margarita Ledo coa súa placa da estrela no Torreiro. Ao seu carón a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a cantora Uxía Senlle.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

17 + 13 =