CINEMALDEA PECHA A SÚA EDICIÓN MÁIS EXITOSA

O ciclo Cinemaldea, que busca levar o cinema e as curtametraxes a zonas rurais onde habitualmente non hai cine, pechouse este domingo cunha exitosa cifra final de asistencia, de perto de 300 persoas. Ao longo de todo o mes de novembro, este ciclo promovido polo Festival de Cans e o Concello do Porriño, achegou o cinema a oito aldeas das zonas rurais deste municipio. A media xeral de asistencia foi de 36 persoas por proxeción, unha media que desde a organización se considera “excelente”, tendo en conta que a maioría das persoas que asisten non teñen como hábito acudir ao cinema. Do mesmo xeito, moito do público eran persoas de idades avanzadas ás que habitualmente lles resulta foi difícil desprazarse ás salas de cine, ubicadas en lugares afastados das súas aldeas. A cifra de espectadores aumentou considerablemente con respecto á pasada edición, que sumara arredor de 200 espectadores, cunha media de asistencia de 25 persoas.

Cinemaldea celebrou este ano a súa terceira edición e cada ano segue consolidando o número de espectadores que desfrutan das curtametraxes premiadas na última edición do Festival de Cans. O ciclo ten por obxectivo achegar o cinema a lugares onde non é habitual ver cine e, ao mesmo tempo, promover a visibilidade dos filmes realizados por novas e novos cineastas galegos e que reciban ingresos pola exhibición das súas obras.

Cada sesión acolleu este ano a proxeción de catro curtametraxes.  As obras proxectadas foron “Alicia fai cousas”, de Ángel Santos, que levou o Premio do Xurado, ademáis do de guión, realización e a mellor actriz para Alicia Armenteros, a animación “Sandwich Cat”, de David Fidalgo, que levou o Premio do Público, e “Mariví, na pel da memoria”, das irmás Coral e Laura Piñeiro, que levou o Premio Furacáns de non-ficción.

Desde comezos do mes de novembro, Cinemaldea pasou por oito centros culturais das aldeas do Porriño. Dous dos centros que se sumaron este ano ao ciclo, foron sorprendentemente os que tiveron maior número de asistencia, como o Centro Cultural A Lagoa de Orbenlle, en Budiño e a Asociación Cultural de Pontellas. E ambos lugares o público rebasou a cifra de 60 persoas. Cinealdea tamén pasou pola Asociación Os Penediños de Atios, As Mimosas de Carracido, San Xurxo de Mosende, Chenlo e San Salvador de Torneiros.

O ciclo rematou este domingo na Asociación Cultural de Cans, coas proxecións e un interesante encontro co público do cineasta Ángel Santos, gran triunfador da última edición do Festival de Cans, con catro premio.

O Festival de Cans intentará agora levar este ciclo a outros concellos que estean interesados tamén en achegar o cinema ás zonas rurais onde non hai acceso habitual ao cine.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

1 × 5 =