Chimpíns de Prata Cans 2022

FEDERICO PÉREZ, JAVIER TOLENTINO E MARISOL TRONCOSO E ALFONSO GONZÁLEZ, CHIMPÍNS DE PRATA 2022

Pola súa aportación na celebración do festival e pola promoción e difusión do mesmo, a asemblea da Asociación Cultural Arela responsable da organización, decidiu outorgar os chimpíns de prata honoríficos desta edición ao actor Federico Pérez, o xornalista Javier Tolentino e os veciños de Cans Marisol Troncoso e Alfonso González, propietarios do baixo de Alfonso.

Os homenaxeados recibirán o seu galardón no marco do festival que este 2022 recupera as datas orixinais e se celebra entre o 18 e o 21 de maio.

Federico Pérez Rey, Chimpín de Prata ‘Premio Pepe Puime’. O actor, guionista e monologuista é un dos rostros máis populares de Galicia. Fíxose moi coñecido pola súa intepretación en numerosas series emitidas na TVG.

As súas intervencións en La Casa de Papel, Néboa ou El Desorden que dejas, téñeno proxectado fóra de Galicia, ademais da súa participación en diferentes filmes como Mar Adentro de Alejandro Amenábar, 18 comidas de Jorge Coira, Os fenómenos de Alfonso Zarauza ou Cuñados, de Toño López.

Grande asiduo do Festival de Cans, onde ao longo dos anos ten colaborado en coloquios, presentacións e películas, exercendo de mestre de cerimonias en varias entregas de premios, este 2022 recibirá a distinción honorífica pola súa traxectoria como actor e a súa disposición a colaborar sempre coa organización.

Javier Tolentino, Chimpín de Prata. Referente do xornalismo cultural e, sobre todo, da información cinematográfica. Durante case dúas décadas estivo á fronte do programa El Séptimo Vicio (Radio 3), referente imprescindible do público cinéfilo, co que acadou un cento de galardóns, entre eles o Premio da Crítica ou á súa traxectoria no Festival de Cine de San Sebastián.

Tras cumprir a súa etapa en Radio 3, Tolentino abriu un novo camiño como director. O seu filme de debut Un blues para Teherán resultou finalista na última edición dos Premios Goya na categoría de mellor documental e será proxectado en Cans.

Prestando sempre especial atención ás periferias e ao pequeno cinema independente, Javier Tolentino foi o primeiro xornalista cultural de fóra de Galicia que puxo Cans no mapa cinematográfico, xa desde as primeiras edicións. En 2018 realizou tres memorables programas en directo desde o Baixo de Moncho, que lle deron outra dimensión ao festival no mundo do cinema. Tolentino é un dos grandes difusores de Cans, motivo polo que este ano recibirá o recoñecemento honorífico do Chimpín de Prata.

Marisol e Fonso, Chimpín de Prata ‘Premio Divina Campos’. Pertencentes a unha familia na que varios irmáns son colaboradores habituais do festival, Marisol e Alfonso son os propietarios do Baixo de Alfonso, do que o público popularizou nas redes a súa “porta voadora”. Situado no barrio da Pedreira, é un dos espazos fixos da proxección das curtas a concurso desde hai varias edicións.

Pola súa calidade humana e disposición permanente a colaborar co festival mesmo nos momentos difíciles por mor da pandemia, Marisol e Fonso reciben este ano o Chimpín de Prata ‘Premio Divina Campos’ e os seus nomes sumaranse aos doutros veciños e veciñas xa homenaxeados no coñecido Muro dos chimpíns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

one × two =