Cans, viveiro de cineastas

Sabías que moitos dos nominados aos Goya deste ano gañaron antes en Cans? Dani de la Torre, que gañou en dúas ocasións Cans, é un dos cineastas revelación co seu filme “El desconocido” e terá oito nominacións nos maiores premios do cine español. Ou Juan Galiñanes, que tamén ten o Can de Pedra de Cans, estará nominado a mellor peli de animación por “Holly Night, Noite de Paz”. Cans é o gran festival de curtametraxes de Galicia do que saen os cineastas do futuro. E sabes como empezaron? Rodando unha curta e inscribíndoa para participar en Cans. A competición do Festival de Cans baséase só en curtametraxes de produción galega, porque cremos no talento galego, no voso talento. Por Cans pasaron como curtametraxistas un montón de realizadores que soñaban con converterse en cineastas e que o lograron: Enrique Otero, Fernando Cortizo, Ángel Santos, Mario Iglesias, Isabel Ayguavives, Alejandro Marzoa, Luis Avilés, Simón Casal, Álex Sampayo, Alberto Vázquez… e non serán os últimos. Detrás seguro que van vir moitos máis. Para chegar a facer cine coma eles só hai que facer unha cousa: ter a curta lista e estar moi atento para inscribila. Porque ti podes ser o seguinte en acadar a gloria do Can de Pedra. Cans é un lugar onde se cumpren os soños, e a nós gústanos seguir facendo o festival para que os vosos soños se sigan cumprindo. Así que espabila e manda a túa curta!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

5 + five =