Cans prepárase para o seu día grande

Comeza o sábado, día grande do Festival de Cans e arrincamos cargados de programación mjsical, audiovisual, roteiros, estreas, estrelas, encontros, pintura, actividades infantís… un día espectacular!

Colocación de estrelas no Torreiro

Montxo Armendáriz e Daniel Guzmán colocarán a súa estrela no Torreiro deixando para sempre a sua pegada xunto a de Luis Tosar, José Luis Cuerda, Emma Lustres, Javier Gutierrez, María Bouzas,Antón Reixa, Celso Bugallo,  Manuel Manquiña, Antonio Durán “Morris, María Pujalte ou Miguel de Lira.

Dalle caña ás curtametraxes

En total participan 22 curtametraxes na sección oficial a concurso, que nos amosan un ano máis as últimas creacións do país no eido audiovisual. Este ano a competición marca un fito histórico xa que, na categoría de ficción/non ficcióin, un 50% de realizadoras son mulleres conseguindo una paridade absoluta. Ademais, a animación regresa un ano máis a Cans, e faino cunha sección que mestura realizadores ben curtidos e premiados internacionalmente como Alberto Vázquez, cunha excelente camada de novos creadores e creadoras saídos de centros de formación galegos como David Fidalgo Omil, Borja Santomé, as directoras de The magic oven ou Miguel Puime. Todos eles se xuntarán por segundo ano consecutivo nun encontro celebrado no Espazo Mahou na Leira de Alicia, o “Dalle Caña”, un coloquio cun formato informal no que presentarán a súas producións e debaterán sobre a aventura de iniciarse no audiovisual.

Nun dos espazos de programación paralela do certame, o Jalpón de Alicia, inauguramos “Furacáns”, unha sección composta por pezas feitas para “arrasar”, un soplo de aire novo que seguro que dará moito que falar. Nela proxectaremos as seguintes curtametraxes: Volver allí -de Lucía Estévez-, Lembranza -de Al Díaz-, Jet d’eau -de Alejandro Pose-, Homes -de Diana Toucedo- e Lar -de Iria Silvosa e Aldara Pregue-.

Alí mesmo presentarase o novo videoclip dos de Terbutalina, “Ninguén che quere”, avance do que será o seu novo disco “Sonido Esteiro”. Ademais, aproveitando a presenza de Eladio y los Seres Queridos en Cans no Espazo Mahou, adicamos unha retrospectiva a esta banda a través dunha selección de videoclips máis destacados.

A sección Extra – Cans, coa que tamén estamos de estrea, amosará unha escolma de pezas do máis variado e actual; clips, curtas e animación feitas por Claudia Costafreda, David Fidalgo Omil, Cristina Caamaño, Manu Viqueira, Silvia Carpizo e Marta Larralde.

Celebrando o Goya case galego e os 30 anos de Atlantismo

O público asistente ao Festival poderá celebrar na Sala Multiusos o “Goya con sabor galego” coa proxección do documental Frágil equilibrio acompañado dun coloquio con  Guillermo García, fillo de nai galega e director desta longametraxe de temática social que se fixo nos últimos Premios Goya co galardón ao Mellor Documental. Esta sobrecolledora obra audiovisual tamén estivo nomeada na última edición dos Premios Goya na categoría de mellor canción con Muerte, composta por Zeltia Montes e interpretada por Uxía, quen ofrecerá un exclusivo concerto no Jaliñeiro ao remate da proxección.

Ademais, nesta edición do Festival, os fans do grupo Radio Océano, poderán celebrar en Cans os “30 anos de Atlantismo” cunha das contadas xuntanzas que terá este ano a banda e rescatando unha selección das súas pezas audiovisuais -algunhas case descoñecidas-. Esta combinación de proxeccións comentadas por eles mesmos na Sala Multiusos coa actuación en directo de Radio Océano no Jaliñeiro será todo un canto ao Atlantismo e a uns anos creativamentes prolíficos, no que se fusionarán unhas pezas de xornalismo cultural profundo e rigoroso co gamberrismo da formación.

Os máis pequenos terán tamén nesta edición un espazo privilexiado no Festival de Cans, que ampliará a súa oferta para o público de menor idade ao longo de todo o día. O parque do río estará en funcionamento durante todo o día con xogos tradicionais e xantares con menús infantís a prezos económicos. Esa mesma mañá os asistentes tamén poderán gozar do filme Linko, dirixido a maiores de 12 anos, coa presenza dos seus autores, Xosé Zapata e Rafael Calvo. Os que teñan un espírito audiovisual máis creativo tamén poderán contar coa Caixiña de Mistos de Gadis e Mr. Misto e o seu obradoiro de curtas, que se proxectarán no parque do río ao remate da xornada. Ademais, incorporamos nesta edición a Polo Correo do Vento, que traerá ata Cans unha divertidísima actividade para traballar o proceso de construción dun filme a partir do debuxo.

Tamén haberá lugar para a música con “Cantarolas para xente miúda”, letras de Neira Vilas musicadas polo finado Suso Vaamonde e interpretadas por varios membros de A Roda. Ademais, volverá a Cans “O trío do Acivro” coa súa actuación de música clásica, didáctica e informal sobre coñecidas bandas sonoras que o ano pasado arrasou no Festival de Cans.

E a música?Na programación musical para mañá hai unha chea de actuacións que farán que a xente non pare de bailar e mover o corpo entre proxección e proxección.

  • No Torreiro teremos unha noite de sábado de música 100% galega Terbutalina. Para non parar de bailar ata altas horas da madrugada!
  • Tamén no centro neurálxico do festival haberá espazo para Adrián Costa & The Criers.
  • Espazo Mahou na Leira de Alicia acollerá o concerto Mahou Cinco Estrellas de Eladio y los Seres Queridos.
  • Polo Cans Voulevar pasarán artistas como Cora Sayers, Roger de Flor e Os Silvestres ou Os Carunchos e teremos con nós a Treboada Baixo Miño, Charanga Sghae, pasarrúas, desfiles de chimpíns, serán dos veciñ@s….