CANS, DE NOVO ENTRE OS REFERENTES CULTURAIS DE GALICIA

O Festival de Cans, que celebrará a súa vixésima segunda edición do 20 ao 24 do vindeiro mes de maio, foi seleccionado como unha das grandes insignias culturais de Galicia en 2024. Así o deu a coñecer esta mañá o informe anual da Fundación Contemporánea, prestixiosa entidade privada de referencia na análise da cultura en España, que se presentou en Málaga. 

Este informe, realizado nesta edición coa participación de 461 expertos culturais, que representan entidades públicas e privadas de toda España, sitúa ao Festival de Cans entre as quince principais insignias culturais de Galicia en 2024, cuxos primeiros postos ocupan a Cidade da Cultura de Galicia, o Festival Sinsal ou o Centro Galego de Arte Cotemporánea (CGAC). A maioria dos referentes celébranse en cidades como Santiago de Compostela ou A Coruña, sendo Cans o único evento entre os primeiros da clasificación que se celebra nunha aldea, carente de calquera infraestructura cultural e onde todo se monta desde cero.

Cinco anos consecutivos entre os eventos mellor evaluados e entre o mellor da cultura no rural

O Festival de Cans leva cinco anos consecutivos sendo seleccionado entre o máis destacado de Galicia neste prestixioso informe anual. É ademáis un dos únicos tres referentes na provincia de Pontevedra, xunto co Festival Sinsal e o Museo de Pontevedra. A nivel do Estado, o ranking está encabezado por grandes institucións como o Museo do Prado, o Museo Reina Sofía ou o Festival de San Sebastián.  Esta valoración mesmo chamou a atención o pasado ano do Ministro de Cultura, Ernest Urtasun, que estivo presente na última edición do certame, sendo a primeira vez na historia que un Ministro de Cultura visitaba o festival.

Cans tamén volveu ser elixido entre os mellores eventos culturais de España celebrados nun entorno rural, ao lado de outros referentes de Galicia como o Festival Agrocuir, o Festival dos Eidos e a Foliada da Fonsagrada.

Estes datos veñen sumarse aos recoñecimentos que o certame obtivo nos últimos anos. En 2023, Cans recibiu o Premio Honorífico de CREA, a asociación de cineastas de Galicia e o Premio á Innovación da Federación de entidades galegas en cataluña (Fegalcat). Anteriormente en 2019, o Festival de Cans recibiu o Premio da Cultura Galega, o galardón máis prestixioso da cultura galega, outorgado pola Xunta de Galicia, sendo a primeira e única vez que o recibiu un festival de cine.