CANS ACOLLERÁ ESTE ANO A ESTREA DE 15 OBRAS E TERÁ DÚAS NOVAS SECCIÓNS NUN CERTAME MARCADO POLA EDICIÓN LIMITADA

  • O certame terá como novidades a sección competitiva “Novas Camadas”, adicada a cineastas debutantes, e “Directrices”, que acollerá as obras de actrices e actores que deron o paso para dirixir.
  • O luns 31 péchase a taquilla e o prazo para rexistrarse ou mercar entradas na edición de Cans só se poderá acceder con entrada ou inscrición previa. 

DESCARGA AQUÍ O DOSSIER DO XVII FESTIVAL DE CANS

Cans. O Porriño. 25 de agosto de 2020. Un total de 25 curtametraxes e 15 videoclips competirán nas diferentes seccións oficiais do Festival de Cans 2020, que ten prevista a súa celebración a vindeira semana, entre o mércores 2 e o sábado 5 de setembro. 
O festival terá este ano dúas novas seccións, unha delas, a sección competitiva “Novas Camadas”, adicada a cineastas debutantes, e outra a sección “Directrices”, na que se proxectarán obras dirixidas por actrices e actores que deron o paso a poñerse detrás da cámara.

Ata 15 destes filmes son estreas, oito delas estreas absolutas, entre as que destacan a curta de animación “Reality”, do director David Fidalgo, finalista da última edición dos Goya ou “Hijos del Cuerdo” de Borja Santomé, gañador da sección de animación de Cans en 2018. Gran parte das curtas serán estreas en Galicia, a maioría aínda moi pouco vistas en festivais, e algunhas delas estreas en España, como “Blacks and Whites”, da coruñesa Anita Pico, unha talentosa cineasta afincada en Londres, que foi elixida nun proxecto de novos cineastas impulsado pola BBC.

A XVII edición do certame, que se celebra en Cans (O Porriño), foi presentada esta mañá nun evento no que participaron, entre outros, o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcadesa de O Porriño, Eva García de la Torre.

O equipo responsable da organización do Festival, promovido pola Asociación Cultural Arela, traballou nun certame onde prima o acceso restrinxido e a edición limitada, pero onde a calidade das obras se mantén intacta. O evento parte dunhas medidas que garantan a seguridade de veciñas e veciños e visitantes: un “escudo protector” ós maiores, chimpíns para catro persoas só con paseos honoríficos, reducción de jalpóns e aforos ou actuacións de día para público sentado son algunhas das principais medidas.

“Sumar vontades”

“O Festival de Cans é un gran proxecto capaz de sumar vontades, capaz de facer país”. Así se refería o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ao certame durante a súa intervención na presentación, na que tamén citou o avance do audiovisual galego nas últimas décadas.

Rodríguez celebrou a valentía do equipo do Festival: “O fácil houbese sido deixarse caer”. E en termos semellantes pronunciouse a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, agradecendo o esforzo e o traballo conxunto coas administración. “Grazas por ser únicos e apostar polo noso”, dixo. O carácter diferenzal de Cans, que vencella creación audiovisual, veciñanza e territorio tamén foi salientado pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre: “Es una iniciativa única en España”, lembrou. Dadas as circunstancias, diría, “que el Festival se celebre es el triunfo de la voluntad”.

Entradas á venda ta o día 31

A limitación de aforo estase a notar na demanda de entradas. As que dan acceso á estrea en pantallas de cinema da longametraxe galega A illa das mentiras, de Paula Cons, xa están esgotadas. E a penas quedan entradas para as proxeccións de tarde e da sección oficial. No caso das entradas que dan acceso á sesión matutina do sábado 5, na que tamén se manterá un coloquio con Oliver Laxe, a venda continúa a moi bo ritmo. O vindeiro luns, día 31, pecharanse tanto a taquilla coma a posibilidade de rexistrarse nas actividades de balde.

Este ano será necesaria unha entrada ou rexistrase previamente para todas as actividades, e só poderán usar o bus a Cans as persoas que dispoñan de entrada. Entre as actividades do Festival que máis atención están reclamando destaca o coloquio Café con CREA coa directora e montadora Julia Juániz, que ten traballado con granses directores como Carlos Saura, Basilio Martín ou Víctor Erice. A presenza de Oliver Laxe no coloquio na Leira ou as actuacións de Henrik Rover e Amaro Ferreiro, son tres dos momentos centrais do certame, que este ano tamén lembrará a Chano Piñeiro nos 25 anos do seu falecemento.

Seguridade

A seguridade será primordial na nova edición do Festival de Cans. Tanto pola reducción de aforo –só se empregarán 4 jalpóns, fronte aos 11 de anos anteriores-, como pola creación de ‘escudos protectores’ arredor das casas das veciñas e veciños maiores, ou a case total eliminación de desprazamentos internos para asistir a diferentes actividades dentro do Festival.

O certame conta este ano co apoio de entidades coma a Xunta de Galicia, a través de Agadic e do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, a Deputación de Pontevedra, o Ministerio de Cultura, Fundación Aisge, ou empresas coma Estrella Galicia e Gadis. E, tamén, dunha longa relación de pequenos e medianos negocios locais que apoian o Festival de Cans ano tras ano.