Cans acolle a estrea de “A historia dun satélite” na súa segunda xornada de Festival

O Festival de Cans inaugurou a súa segunda xornada de Festival recibindo a centos de escolares na súa sección “Cans do futuro”. Os rapaces e rapazas asistiron a hora e media de proxeción e participaron nunha visita guiada pola aldea. Ademais, consolidouse o roteiro literario guiado polo escritor Carlos Meixide como unha das actividades estrela dos primeiros días de Festival e tivo lugar o segundo coloquio promovido por AISGE, no que Yelena Molina e Evaristo Calvo falaron das súas experiencias persoais como intérpretes.

O Festival de Cans tamén quixo recoñecer o traballo do que probablemente sexa o seu intelectual máis ilustre e descoñecido con orixes na parroquia, o filósofo e escritor Francisco Fernández Buey (1943-2012) O profesor Xesús Alonso Montero , que o definiu como “un dos intelectuais galegos máis brillantes”, descubriu esta mañá unha placa como homenaxe na súa casa familiar.

A tarde continúa coa proxección do filme Migas de Pan, de Manane Rodríguez, e a estrea mundial de A historia dun satélite, a opera prima de Sonia e Miriam Albert-Sobrino. A película narra a historia de Rafael, un rapaz que vive de pequeno un acontecemento que o marcará para sempre: o seu pai morre aplastado por un satélite. Vinte anos despois, Rafael traballa como enterrador, e inicia un rocambolesco periplo vital no que acaba por darse de conta que toda a súa vida estivo orbitando nunha dirección trabucada.Todo o elenco da película  acompañou a tradicional procesión de chimpíns ata o Cìrculo Recreativo e Cultural de O Porriño. Na Praza do Concello, os cociñeiros Mahou Rafa Centeno e Inés Abril deleitáronnos coas súas “Tapas de cinema” e os xa non tan cativos Electric Feels coa súa selección de temas quentaron a noitiña.

A xornada remata coa Noite Gía dos Videoclips, na que se coñeceu  a peza premiada nesta edición do Festival. O xurado dos videoclips da décima edición do Festival de Cans, formado por Manu Viqueira, Marta Gómez, Marta Larralde e Judas Diz, acordou, despois do visionado dos videoclips a concurso e a deliberación, outorgar o Premio do Xurado dos Videoclips ao video do tema “Mi Re La” de Oh! Ayatollah, dirixido por Xaime e Antón Miranda, por conseguir transmitir o espírito da canción. Ao xurado rouboulle o corazón este videoclip por lograr, con recursos mínimos, facer unha relectura á galega do clásico videoclip de Beastie Boys facendo ademáis unha mestura de estéticas oitenteiras, na onda do filme Kung Fury. O xurado desexa que estes irmáns continúen facendo pezas desta calidade e que teñan un bo futuro. Pechou a noite o concerto da banda Escuchando Elefantes que tocaban por primeira vez en O Porriño.