O cinema galego chega a Bruxelas

BRUXELAS TERCEIRA PARADA NO CIRCUITO INTERNACIONAL QUE PROMOVE O FESTIVAL DE CANS PARA VISIBILAR AS OBRAS GAÑADORAS

O Festival de Cans, que celebrará a súa XX edición do 16 ao 20 de maio, prosegue neste 2023 co seu traballo de dar a coñecer ás novas e novos creadores galegos a través dun circuito internacional de proxecións. Nesta ocasión, as dúas cuartametraxes que venceron nas categorías máis relevantes do festival, proxectaranse en Bruxelas. Será este xoves 26 de xaneiro ás 19,00 horas cando o Cinema Aventure, un dos máis populares da capital europea, acollerá a proxeción de “Rompente” de Eloy Domínguez Serén, Can de Pedra do Xurado á Mellor Curta de Ficción na última edición, e “Tatuado nos ollos levamos o pouso”, de Diana Toucedo, que levou o Can de Pedra do Xurado do Premio Furacáns, de non ficción. Ambas obras levan tido un gran percorrido por prestixiosos festivais internacionais de todo o mundo, despois de seren premiadas en Cans.

Esta proxeción no Cinema Aventure de Bruxelas conta co apoio da Asociación Couto Mixto, un dos grupos máis entusiastas de apoio á cultura galega en Bruxelas, e tamén contará co documental “Cans, maioría de idade”, da realizadora Isaura Docampo. As obras estarán introducidas polo director do Festival de Cans, Alfonso Pato, que estará presente en Bruxelas para manter un encontro co público e reunirse cun grupo de cineastas que desenvolven o seu traballo nesta cidade.

A cita do Festival de Cans en Bruxelas é a terceira das paradas no circuito internacional que Cans promove, para visibilizar ás obras gañadoras do festival e promocionar ás creadoras e creadores galegos.  As obras premiadas en Cans puideron visionarse por agora na localidade portuguesa de Caminha en Setembro, en Lisboa no mes de novembro e nos vindeiros meses prevense proxecións en París, Londres e Barcelona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ten − ten =