Día dos creadores e as homenaxes

Mañá no Festival de Cans temos unha xornada ben cargadiña de cinema dedicada ás nosas creadoras e creadores, pero tamén das ondas da radio, xa que Ángel Carmona emitirá Hoy empieza todo de Radio 3 en directo dende Cans a partir das 7h00. Durante o programa haberá un almorzo “Galicia Calidade” preparado polo barista Óscar de Toro con produtos amparados pola marca con bollería do chef Iván Méndez. Galicia Calidade vén colaborando con Festival dende hai anos, achegando bo gusto gastronómico e converténdose nun dos nosos patrocinadores máis significativos.

Ás 10h00 dará comezo a estrea das mellores curtametraxes feitas por escolares en Cans do Futuro. Deseguido, o sector darase cita nun encontro aberto de CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, moderado por Jorge Coira e coa presenza de Alexia Muíños. Alexia formouse como actriz e directora en escolas de Nova York e Barcelona, onde actualmente traballa en distintas facetas do mundo audiovisual. Compaxina a dirección cinematografica co cargo de vicepresidenta da Asociación Europea de Mulleres no Audiovisual (European Women’s Audiovisual Network, EWA), dende onde traballa para acabar coa desigualdade de xénero na industria do cinema europeo.

Seguemento aos creadores galegos
Ademais de ser un escaparate do audiovisual galego, Cans tamén ten na súa filosofía seguir aos creadores e creadoras que pasaran por este festival ao longo da súa traxectoria. Así, “Fill@s de Cans” converteuse nas últimas edicións nunha das seccións máis emblemáticas do certame. Nela os cineastas mostran ante o público as primeiras imaxes inéditas dos seus filmes, en moitos casos aínda en posprodución. Nesta edición, poderanse ver as primeiras imaxes de A liña de sombra, o documental que o coruñés Nicolás Combarro prepara sobre o fotógrafo Alberto García-Alix; Esquece Monelos, a ópera prima da cineasta Ángeles Huerta; Sicixia, o novo filme de Ignacio Vilar; a coprodución galego-uruguaia Migas de pan, de Manane Rodríguez; e Dhogs, as historias cruzadas made in Galicia que propón Andrés Goteira.

Pola súa banda, na sección “A que andas?” coñecerase o estado das primeiras longametraxes de Sonia Méndez, Alexia Muíños e David Hernández, así como do novo filme de Ramón Costafreda e do novo documental de Andrea Zapata-Girau. Boa parte deles xa participaran na sección competitiva ou noutras seccións de anteriores edicións de Cans.

SOMOS GENTE HONRADA RODAJE PELICULA EN A CORUÑA EMMA LUSTRES Y SANDRA

Noite das homenaxes
Coa noite, chegan as estrelas a Cans. A partir das 22h00 no Torreiro, Keka Losada e Federico Pérez farán entrega do Premio Pedrigree’16 á productora Emma Lustres, unha figura clave no cinema galego actual a través da súa empresa Vaca Films. Xa cunha longa traxectoria, ten colleitado grandes éxitos para as súas producións proporcionándolle unha gran visibilidade a numerosos profesionais galegos. É o caso de filmes como El Desconocido de Dani de la Torre e Celda 211 de Daniel Monzón. O festival quere recoñecer a súa sólida carreira e sobre todo a súa labor como impulsora dos profesionais galegos, tanto directores, como técnicos ou actrices e actores e novos realizadores.

cid

Do mesmo xeito, a organización do festival fará entrega dos Chimpíns de Prata ‘Premio Pepe Puime’ a Chelo Fortes e Manolo Cid, donos da “Casa do Cid”, que prestan apoio loxístico durante os días do evento para que alí poidan xantar os convidados do festival e ten feito en sucesivas edicións de cociña, sala de prensa, almacén ou lugar de reunión do xurado. Tamén se entregará este premio a Xurxo Souto, escritor, guionista e coñecido sobre todo como músico e cantante dos Diplomáticos de Monte Alto. Souto realiza un roteiro sonoro pola parroquia, que este ano repetirá con sorpresas durante a mañá do sábado do festival.

Xurxo_Souto2

Tamén farán entrega do premio á mellor obra da Can Parade e ao mellor videoclip; e proxectaranse o making of de Cans 2015, “O ano da ducia” -de Roi Guitián e María Lobo-, e o trailer do “Proxecto bar”, unha iniciativa cun obxectivo dobre: rescatar a memoria dos bares que están pechados na aldea e estimular ás veciñas e veciños de Cans para que se lancen á produción audiovisual.

Consulta o programa do venres aquí.
E o programa completo aquí.

“Psiconautas”, unha fantasía negra de animación

Esta mañá presentouse no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño Psiconautas, o filme de estrea de Cans 2016. Tras gañar o Premio Lurra Green Peace do Festival de San Sebastián en 2015 e, máis recentemente, o premio á Mellor Película de Animación no Golden Kuker-Sofia e o Stuttgart Film Festival, chega para proxectarse na súa estrea galega ante o público do festival. Tal e como apuntou o seu codirector, Pedro Rivero, “péchase así unha etapa do filme que comezou coa curtametraxe Birdboy, que gañou en Cans no 2011″. O director describiu ao filme como “unha fantasía negra realista de animación para adultos, pero tamén para todos os púlicos” e quixo destacar que “hoxe en día a produción de obras de animación en Europa está medrando e xa non se limita soamente a países asiáticos”.

Enrique San Francisco, actor de dobraxe do filme, quixo facer fincapé na súa ledicia ao compartir de novo proxecto con Pedro e avanzaron que esta non será a última. Tamén quixo lembrarse dos novos realizadores e realizadoras, filosofía que comparte coa esencia do festival, e das dificultades económicas que ás veces teñen para sacar os seus proxectos adiante.

Alfonso Pato, director do Festival de Cans, pola súa banda, salientou a parte galega da produción de Psiconautas, levada a cabo pola produtora Zirzocine, alegando que “os seus impulsores, Farruco Castromán e Luís Tosar, sempre amosan o seu apoio ao festival intentando vir a el edición tras edición cos filmes que producen”. Tamén amosou o seu apoio ao certame María José Giráldez, presidenta do Círculo Recreativo e Cultural do Porriño, amosando o seu desexo de poder colocar o can amarelo, emblema do festival, nos próximos anos e agardando “mil primaveras máis para Cans”.

rolda_psiconautas2_web

O actor Enrique San Francisco colocará a súa estrela no Torreiro de Cans

Enrique San Francisco, actor que prestou a súa voz para un dos personaxes principais de Psiconautas -o filme de estrea da XIII edición do festival- presentará o próximo xoves 19 a longametraxe no Circulo Recreativo e Cultural do Porriño. Continúe lendo O actor Enrique San Francisco colocará a súa estrela no Torreiro de Cans

Retomamos a venda de entradas!

A partir do mércores 4 de maio ás 12h00 poñeranse á venda on line máis entradas para esta edición do Festival de Cans, que darán acceso á proxección da sección oficial de curtametraxes a concurso do sábado 21 de maio. Poderán adquirirse a través da nosa tenda virtual  ata o próximo 11 de maio ás 23h59. Continúe lendo Retomamos a venda de entradas!

Os Diplomáticos de Monte Alto e Novedades Carminha actuarán no día grande de Cans

Hai 25 anos os Diplomáticos de Monte Alto facían a súa primeira aparición pública no Porriño. Agora regresan de novo á zona para facernos lembrar a todos aquela “Arroutada Pangalaica”, o seu primeiro disco co que saltaron aos escenarios galegos e co que encheron o mundo do seu rock bravú. Continúe lendo Os Diplomáticos de Monte Alto e Novedades Carminha actuarán no día grande de Cans

Joao Tomba, o regreso

Como xa avanzamos a Leira de Alicia cobra protagonismo nesta edición coa acollida do Espazo Mahou, unha zona con carpa e escenario, pensada para a conversa tranquila onde, ademais do habitual coloquio cun ou unha cineasta e outras actividades relacionadas co audiovisual, haberá varias actuacións musicais relacionadas coas proxeccións do Jalpón de Alicia. Continúe lendo Joao Tomba, o regreso

Máis actividade na Leira de Alicia

A Leira de Alicia, un dos espazos emblemáticos do Festival de Cans, que cada ano acolle o coloquio co director convidado da edición, pasará a ter programación continuada nos días principais do certame, o venres 20 de maio e o sábado 21. Acollerá o Espazo Mahou, empresa que confirmou a súa continuidade como principal patrocinador privado do festival por segundo ano consecutivo. Continúe lendo Máis actividade na Leira de Alicia

Rebobinando “El desconocido”

O ano pasado no Festival de Cans estreamos unha sección que era unha aventura arriscada baixo o título “Rebobinando, o filme contado” e que consistía en propoñerlle a un director que contase os segredos da súa película en tempo real, falando cun micro ao mesmo tempo que transcorría a proxección, durante os silencios do filme. Continúe lendo Rebobinando “El desconocido”

Venda das 500 primeiras entradas

Mañá martes 19 de abril a partir das 12h00 poñeranse á venda on line as primeiras 500 entradas do Festival de Cans, que dan acceso á proxección da sección oficial de curtametraxes a concurso do sábado 21 de maio, 200 delas para a sesión matinal e 300 para a sesión de tarde. Continúe lendo Venda das 500 primeiras entradas

Un cartel para escorrentar meigallos

Esta mañá presentamos a imaxe gráfica e as camisetas do XIII Festival de Cans na tenda do Rei Zentolo en Santiago de Compostela. O deseñador da casa, Pablo Rodríguez, autor das creatividades, destacou como elemento principal desta edición número 13 a restra de allos Continúe lendo Un cartel para escorrentar meigallos

Ciclo de cinema “Sen un can”

Este domingo día 10 de abril estreamos o ciclo de cinema “Sen un can”, unha iniciativa promovida xunto coa Sala Ingrávida e o Cineclube Ingrávido do Porriño. O obxectivo é exhibir filmes de directoras e directores galegos, de baixo presuposto e darlles a visibilidade da que carecen nos circuítos convencionais de exhibición. Continúe lendo Ciclo de cinema “Sen un can”

Chimpíns de Prata 2016

A organización do Festival de Cans decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o labor dos veciños e veciñas de Cans e mais a unha personalidade que destaque polo seu apoio ao certame, a Chelo Fortes e Manolo Cid, donos da “Casa do Cid” Continúe lendo Chimpíns de Prata 2016

Batemos o noso récord de curtas inscritas!

O venres pechamos a convocatoria para as seccións a concurso desta edición. Logo da revisión e clasificación de todo o material recibido xa podemos confirmar que batemos o noso récord de curtas inscritas. En total recibimos 215 producións, o que supón un 15% de incremento con respecto ao ano pasado, que nos chegaran 184 traballos. Continúe lendo Batemos o noso récord de curtas inscritas!