AS CURTAS PREMIADAS NO FESTIVAL DE CANS PROXÉCTANSE ESTE SÁBADO EN MONDARIZ-BALNEARIO

A Sala de Cultura do Concello de Mondariz- Balneario acollerá este sábado 28 de setembro ás 20,00 horas o ciclo Cinemaldea Itinerante, que o Festival de Cans promove co ánimo de visibilizar en zonas rurais e pequenos concellos unha selección de curtas premiadas na última edición do certame. O obxectivo é facilitar o acceso ao cine a lugares onde os espectadores non poden ter acceso hatibual á distribución dos filmes.

Este ciclo Cinemaldea, que ata o momento só percorría as aldeas do Concello do Porriño, ábrese agora a outras localidades, asociacións ou Concellos que desexen proxectar estas obras e contribuir a visilibizar ás novas e novos creadores.

Esta sesión, que conta co apoio do Concello de Mondariz- Balneario, contará coa presenza do cineasta de Marín Pablo Dopazo, que se desprazará ata Mondariz- Balneario para manter un encontro co público, acompañados de Alfonso Pato, director do Festival de Cans. A sesión completa durará 70 minutos e o acceso á sala é gratuito ata completar aforo.

Os espectadores que asistan poderán conversar con Pablo Dopazo sobre a súa curta “O Frío”, que obtivo tres premios en Cans: Mellor curtametraxe, mellor dirección e mellor interpretación masculina para o seu protagonista José María Sanjurjo. Esta curta, que transita entre o documental e a ficción amosando unha relación distante entre un pai e un fillo no contexto xélido da industria dos conxelados, xa fora seleccionada anteriormente  na competición de curtametraxes do Festival de Málaga.

Ademáis de “O Frío”, en Mondariz-Balenario proxectaranse tamén a curta de animación “Alguén me chamou serpe negra” de Borja Santomé e “Betas” de Senín Porto. O artista e cineasta Borja Santomé gañou por segunda vez o premio á Mellor Curta de animación en Cans, cunha obra realizada a través dun singular proceso creativo, marcado polo camiño do autor desde as artes plásticas. A curta estivo seleccionada en numerosos festivais internacionais en países como Estados Unidos, Holanda, Francia, Alemania ou Uruguay. Este verán ven de recibir o premio Filmin Oblícua no Festival Mecal de Barcelona.

Pola súa parte, “Betas” dirixida por Senín Porto e protagonizada por Vicente Mohedano, levou o Premio do Público na última edición e supón un achegamento ao bullying a través dunha mirada humorística pero crítica. Na sesión tamén se poderá ver o documental “Vinte en Cans” de Xavi Sobrado, un retrato sobre a idiosincrasia do Festival de Cans, achegando ao espectador a este certame onde se produce unha comuñón máxica entre veciños, actores, directores e o público que acode cada ano.

Cinemaldea Itinerante, un ciclo aberto a asociacións e Concellos

Por vez primeira este ano, Cans promove as proxecións das curtas premiadas en caquera asociación, Concello ou institución que o solicite, preferentemente en áreas rurais onde os espectadores non teñen acceso habitual ao cine. O proxecto que comezou hai tres anos polas aldeas do Concello do Porriño, ábrese agora a calquera localidade que o solicite poñéndose en contacto co Festival de Cans, ben por mensaxe interna nas redes do festival ou ben a través do mail festivaldecans@festivaldecans.com