Entrega de premios Festival de Cans 2022

AS CURTAS FINALISTAS DO FESTIVAL DE CANS PODERÁN VERSE SÓ ESTA FIN DE SEMANA NA VERSIÓN ON LINE DO CERTAME

O Festival de Cans poñerá en marcha deste este xoves ata o domingo “Cans On Line”, a versión en liña do certame, que se celebra por terceiro ano consecutivo. Desde este xoves ás 12 do mediodía, o público que o desexe poderá acceder a través da páxina web do festival, www.festivaldecans.gal, a todas as curtametraxes finalistas da competición de ficción da última edición do certame. Entre elas, estarán as obras de recoñecidos cineastas como Eloy Domínguez, Lois Patiño, Ángel Santos ou Guillermo de Oliveira, todos con traxectoria no mundo da longametraxe.

Entre as curtametraxes que poderá ver en liña o público están “Rompente” de Eloy Domínguez, Can de Pedra á mellor curtametraxe do xurado e gañadora do Festival de Málaga, ou “La Entrega” de Pedro Díaz, a curta protagonizada por Ramón Barea, que levou o Premio do Público.

Tamén poderán verse curtas como “Sycorax” do vigués Lois Patiño e Matías Piñeiro, que recibiu ó Premio á mellor fotografía polo traballo de Mauro Herce, e pasou por festivais de prestixio como o Festival de Cannes, ou “Así vendrá la noche” de Ángel Santos, curta que levou dous Cans de Pedra, un ó Mellor Guión e outro para a súa protagonista Violeta Gil, que conseguiu o Premio á Mellor actriz, ademáis de “Devoradora de Nenos” de Fran X. Rodríguez, na que a magnífica interpretación de Santi Prego lle serviu para acadar o premio ó mellor actor.

Outra curta que se poderá visionar é a dobremente premiada “Sauerdogs”, do vigués Guillermo de Oliveira -finalista dos Premios Goya en 2019- que levou nesta edición os premios do xurado das veciñas e veciños e o de mellor Banda sonora, polo traballo virtuoso da compositora Zeltia Montes, último Goya á mellor banda sonora por “El Buen Patrón” de Fernando León.

En total son once curtametraxes que poderán verse na web do festival en tres bloques, cun prezo por bloque de 3 euros, pero haberá un abono a un prezo reducido de 5 euros para quen desexe ver a sección completa. Unha vez efectuada a compra, cada espectador poderá dispoñer de 72 horas para facer o seu visionado.

O Festival de Cans busca co “Cans Online” fomentar a visibiliade das novas e novos cineastas a través do acceso en liña ós filmes, e facilitar tamén o acceso do público que quedou sen poder ver as curtas no festival ó terse esgotado as entradas. Ademáis de contribuir á difusión das obras e posta en valor de creadoras e creadores, a intención desde o certame é fomentar que obteñan unha remuneración, posto que a recaudación íntegra dos visionados distribuirase entre todas as autoras e autores.

Do mesmo xeito, amplianse as posibilidades de visionado para que calquera espectador poida acceder desde calquera punto de España, a través da opción de subtitulado en lingua española, para as curtametraxes que estén en visón orixinal en galego ou noutras linguas diferentes.

2 comentarios en “AS CURTAS FINALISTAS DO FESTIVAL DE CANS PODERÁN VERSE SÓ ESTA FIN DE SEMANA NA VERSIÓN ON LINE DO CERTAME”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

twelve − 7 =