Vidal Bolaño traballando en Olympus

Arranca a XX edición do Festival de Cans coa Noite Lasal dedicada aos videoclips e unha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

A XX edición do Festival de Cans arranca mañá martes cunha intensa programación de cinco días de cine, música e homenaxes a persoeiros do mundo do cine e aos veciños da aldea de Cans que fan posible co seu traballo e dedicación unha das citas senlleiras do audiovisual galego cada ano. Na vixésima edición do festival haberá sección competitivas marcadas polas estreas de curtametraxes, a presenza dunha destacada directora, Valérie Massadian, no apartado Foco Internacional, diversos coloquios e actividades paralelas e máis de 25 actuacións musicais con grupos como Los Punsetes, Fillas de Cassandra, Mr. Kilombo ou The Limboos´.

O festival tivo unha previa o pasado fin de semana coa proxección de dúas longametraxes de Valérie Massadian, a presentación do novo proxecto musical de Eladio Santos, Ronsel, a inauguración de “Collage#Catástrofe”, a exposición de collages do escritor Diego Giráldez. Todas as actividades contaron cunha boa acollida por parte do público (asistiron máis de 200 persoas) o que fai pensar que imos ter unha das mellores edicións do evento, despois duns anos nos que a pandemia impediu celebrar con total normalidade o certame. Outra das novidades a destacar é a volta dos rapaces de institutos e colexios. Espérase que pasen máis de 500 rapaces polas sesión matinais do Festival de Cans.

A xornada de mañá martes ábrese ás 10,00 horas coa inauguración da Rúa Efémera do festival que este ano está dedicada ao dramaturgo e cineasta pioneiro do Grupo Lupa, Roberto Vidal Bolaño. A pequena praza que existe diante da Casa Parroquial de Cans, pasará a denominarse por uns días “Praza de Roberto Vidal Bolaño”, á beira de outros nomes de rúas en Cans como Chano Piñeiro, Pilar Pereira ou María Casares.

A homenaxe a Vidal Bolaño completarase cun coloquio que terá lugar ás 12 do de mañá no Baixo de Carlos, coa presenza de Laura Ponte, Roi Vidal, Antonio Mourelos e Isabel Blanco. Pola tarde comezarán as proxeccións ás 16,30 horas, co documental “Quererla es crearla”, dirixido pola chilena Cecilia Barriga e que será presentado pola produtora do filme, a porriñesa Sandra Fernández Carrera. A entrada é libre ata completar o aforo do Centro Cultural Municipal. Neste mesmo espazo terá lugar ás 19,00 horas o encontro de realizadores de videoclips e ás 20,30 horas, un interesante coloquio co xornalista musical Xavier Valiño, con imaxes arredor dos mellores documentais da historia do rock.

Noite Lasal Cociñas

Pola noite, a partir das 22:00, terá lugar a Noite Lasal na Praza do Concello coa proxección dos 19 videoclips musicais que compiten por seren recoñecidos como a mellor peza galega do ano. Entre eles estarán obras de Xaime Miranda, Toño Chouza, Alba Domínguez, Adrían Canoura ou Aldara Pagán, e grupos emerxentes como De Ninghures, Mondra ou Mel, xunto con outros veteranos como Ruxe-Ruxe ou Xabier Díaz. A primeira noite do festival culminará cun concerto de Zeltia Irevire, previsto para as 23,30 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nineteen + nine =