Retrospectiva de longametraxes de Joao Nicolau

A PREVIA DO FESTIVAL DE CANS COMEZA ESTE XOVES COA RETROSPECTIVA DE LONGAS DE JOÃO NICOLAU

A XIX edición do Festival de Cans, que se celebra do 17 ao 21 de maio, quenta motores co inicio, este xoves 12, das proxeccións da retrospectiva internacional que este ano protagoniza o realizador lisboeta João Nicolau, un dos representantes máis destacados do novo cinema portugués. A previa, que inclúe as súas tres longametraxes ata o momento, celebrarase no Centro Cultural do Porriño, cedido polo Concello, con entrada libre ata completar capacidade.

O director luso acompañará vía streaming a primeira das proxeccións, este xoves 12 ás 20 h, para se dirixi ao público antes do visionado de A espada e a rosa, a súa primeira longametraxe, unha historia fantástica de aventuras e piratas no século XXI, nominada dentro da sección oficial do prestixioso Festival de Cine Independente de Bos Aires (BAFICI). O venres ás 21h será o pase de John From, mellor película en Filmadrid e Novos Cinemas no 2016, na que aborda a iniciación á idade adulta dunha moza soñadora e entrometida, que se enamora do seu novo veciño, un misterioso fotógrafo. A retrospectiva de longametraxes de Nicolau previa ao festival rematará coa proxección, este sábado ás 12h, de Technoboss, unha excéntrica película sobre a música interior dun oficinista enfastiado, coa que Nicolau competiu en Locarno e levou o Premio Especial do Xurado en Sevilla no 2019.

João Nicolau estará en Cans o venres 20 para presentar a retrospectiva das súas curtas e avanzar a súa nova película

Retrospectiva de longametraxes de Joao Nicolau

A retrospectiva internacional que o XIX Festival de Cans lle dedica ao cineasta portugués é a terceira que programa, despois das do alemán Hannes Stöhr no 2019 e a do brasileiro Kleber Mendonça Filho o ano pasado. Trala previa esta fin de semana das súas tres longametraxes, o festival contará coa presenza de Nicolau o venres 20 para participar no coloquio de Café con CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e da Realización, e presentar a retrospectiva das súas curtametraxes.

Nicolau estará en Cans ás 10 h para conversar no Baixo de Carlos coa realizadora viguesa Noemí Chantada, gañadora con Xoves de Comadres da edición de hai dous anos do Festival de Cans, e co cineasta Fon Cortizo, de quen tivemos ocasión de coñecer o seu film 9 Fugas neste mesmo festival.

Pola tarde, a partir das 17 h no Baixo de Bugarín, acompañará o público na proxección da retrospectiva de curtametraxes, que inclúe catro películas. Entre elas, a súa primeira obra de ficción, Rapace, unha comedia xeracional feliz, xogadora e irónica, cun antiheroe como protagonista, estreada no Festival de Cannes do 2006 e galardoada co Premio ao mellor filme no Festival Internacional de Curtas-Metragens de Vila do Conde.

A copia dunha chave moi particular que abre máis ca unha porta é o fío argumental de Cançao de amor e saúde, coa que Nicolau participou na Quincena de Realizadores en Cannes en 2009. En O dom das lágrimas, de 2012, un cazador atopa unha princesa nunha viaxe iconográfica inmersa na fantasía lusitana. Gambozinos, a súa última curta, na que un neno de dez anos se enfronta ás dificultades da vida nun campamento de verán, pechará a retrospectiva internacional de curtas de João Nicolau.

Ademais de neste apartado, o foco sobre o cineasta portugués inclúe tamén a súa participación na actividade paralela “Fillxs de Cans”, á que traerá un avance de John in Christ, a súa última película de longa duración, actualmente en prosprodución, na que pretende observar a forma en que as diversas tendencias relixiosas se implantan, difunden e son asimiladas na vida cotiá dos seus fieis no sueste da illa de Tanna (Vanuatu).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

seventeen − fifteen =