Donde acaba la memoria

A ESTREA DO DOCUMENTAL “DONDE ACABA LA MEMORIA” ABRIRÁ A XVIII EDICIÓN DO FESTIVAL DE CANS

A estrea do filme ‘Donde acaba la memoria’ servirá para abrir a XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro. A película supón a estrea como director do cineasta vigués Pablo Romero-Fresco.

‘Donde acaba la memoria’ é un emocionante documental protagonizado polo célebre historiador hispanista de orixe británica Ian Gibson. Na película, Pablo Romero-Fresco volve sobre a viaxe que Luis Buñuel realizou en 1933 a Las Hurdes (Cáceres), unha terra afastada e miserenta. Alí rodaría “Tierra sin pan”. 85 anos despois, o hispanista e biógrafo Ian Gibson pecha o ciclo dunha viaxe emocionante, que comenza en Las Hurdes e remata sobre os restos de Lorca en Granada, pechando a viaxe dunha vida enteira. No documental interveñen cineastas como Carlos Saura ou o británico Mike Dibbs, e personalidades como Román Gubern.

Ian Gibson participará, en Cans, da estrea mundial da película, producida por Xavi Font, coproductor de “O que Arde”, e que tamén compuxo a banda sonora xunto con Elba Fernández. A montaxe fíxoa Xacio Baño.

A estrea terá lugar no serán do día 2 de setembro no novo emprazamento do Centro Cultural Municipal do Porriño. Será inmediatamente despois do remate da “Tarde Coira”, adicada ao cineasta galego Jorge Coira e na que tamén vai ser estreado o filme documental ‘Beiras, vivir dúas veces’.  Na película, o tamén autor de éxitos coma a serie ‘Hierro’ ou a película ’18 comidas’ achégase ás vidas do histórico político galego. Ademais na “Tarde Coira” se poderá ver un avance do último filme do director ‘Proyecto Emperador’.

Parte da programación da XVIII edición do Festival de Cans, e tamén o seu cartaz, presentáronse hoxe na compostelá Fabrica de Nikis. O equipo desta empresa, Nikis Galicia, deseña cada ano os cartaces do certame e apoia a súa celebración. O Festival de Cans celébrase en setembro por segundo ano consecutivo despois de que o confinamento de 2020 obrigase a cambiar a data do evento. Como xa aconteceu o pasado ano, as medidas de distancia, seguridade, e sobre todo protección dos veciños serán fundamentais nesta edición. O aforo volve estar limitado e a distancia social garantirase en todas as actividades.

No acto de presentación do certame, a presidenta da entidade que o promove, a Asociación Cultural Arela, Keka Losada referiuse á “maioría de idade” do Festival: acada a súa edición número dezaoito. Lembrou que por segundo ano consecutivo faise un certame especial e adaptado aos tempos, ás necesarias prevencións, e ás normas. “A cultura é segura. O ano pasado foi ben e hoxe estamos aquí cumrindo 18 anos”, comentou Keka Losada. “Haberá moitas máis edicións”.

Pola súa banda, Pablo Romero-Fresco explicou, sobre a película, que non se trata “dun retrato ao uso” da viaxe e do personaxe -Buñuel-. E referiuse á “compoñente galega” do proxecto. “Está de principio a fin na película”, sinalou.

Tamen estiveron presentes os deseñadores de Nikis Galicia, Cristina Garre e Marcos Martín, que asinan este ano o deseño do cartaz do festival. Martín referiuse á satisfación de colaborar “cun Festival que promociona a cultura e o rural galego”. Nas súas explicacións do deseño, Cristina Garre referiuse ao emprego dos dous rombos, un símbolo inesquecible para os seguidores españois do audiovisual, coma elemento central nesta décimo oitava edición do Festival de Cans.

Cartel Cans 2021

Aforo reducido e venda de entradas

Dende mañá xoves, 15 de xullo, o Festival de Cans porá á venda na súa tenda online, e cun desconto de máis do 30% sobre o prezo oficial, 200 abonos para asistir ás proxecións das curtametraxes que participarán na sección oficial do certame. Serán 100 abonos para as sesións de mañá e outros 100 para as de tarde. Nos packs, que custan 21,50 euros, gastos de xestión incluidos, engádense ás entradas, a camiseta, o catálogo do festival e unha chapa de edición limitada. Poderánse mercar a partir das 10 horas de mañá xoves en https://tenda.festivaldecans.com/. O prezo dos produtos por separado, sen a promoción de lanzamento, é de 27 euros.

Ademais, dende esa mesma hora ábrense as inscricións para a estrea de “Donde acaba la memoria” e para a estrea da “Tarde Coira”. A asistencia é de balde pero baixo rexistro. Dadas as actuais limitacións de aforo, só hai 75 entradas dispoñibles para o público para cada un dos eventos.

O Festival de Cans chega á súa maioría de idade. Cos lóxicos cambios precisos para garantir a seguridade do público, dos veciños e veciñas, do equipo que traballa na organización do evento e dos cineastas asistentes. O certame tamén conta entre os seus patrocinadores principais co apoio de Estrella Galicia, Concello do Porriño, Agadic, Deputación de Pontevedra e Gadis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

two × 2 =