Coloquio Matria

Cans celebra por todo o alto o Día das Letras con estreas e coloquios de cinema do país e moita música

O Festival de Cans viviu onte a segunda xornada da súa XX edición, cunha xornada moi especial dedicada a festexar o Día das Letras. Cans uniuse á celebración deste día do mellor xeito que podía facer, dedicando a súa programación ao cinema e a música do país, coa estrea do documental “Florencio, o cego dos Vilares”, un coloquio sobre o filme “Matria” cos seus protagonistas e un broche final cunha noite de actividades dedicada aos veciños da aldea, os grandes protagonistas do evento. O Día das Letras foi unha xornada inesquecible para veciños e visitantes de Cans.

Un dos momentos estelares chegou a mediodía no Torreiro cun debate sobre o proceso de creación de “Matria”, o filme galego que está a triunfar nas salas de toda España con uns protagonistas moi unidos a Cans, como son o seu director Alvaro Gago e a actriz María Vázquez. Tamén incorporouse ao debate Eduardo Rodríguez Cuña “Tatán” e actuou como presentador o director do festival, Alfonso Pato. 

Ante un Torreiro cheo de xente, Alvaro Gago reivindicou a aposta de rodar unha película en galego a pesar de que se o fixera en castelán podería ter duplicado as 60 copias que se distribuíron do filme. “Matria” xa foi vista por máis de 40.000 persoas e obtivo premios como a Biznaga de Prata do Festival de Málaga para a mellor actriz, polo traballo de María Vázquez. Gago indicou tamén que Cans é un festival no que existe unha conexión especial entre o publico e os cineastas. “Este é un festival que baixa do pedestal ao que nunca deberan ter subido os directores”, engadiu. 

A protagonista de “Matria” destacou que este papel permitiulle representar a moitas mulleres invisibilizadas e para ela supuxo “un orgullo e unha viaxe emocional incrible”. Ademais, Vázquez apuntou que unha vez estreada a película moitas mulleres agradeceron que se contase unha historia coa que se senten moi identificadas. Sinalou tamén que o filme supuxo un esforzo importante con un ano de preparación para un papel que lle está a dar moitas satisfaccións persoais e profesionais. O público participou activamente no debate e despois encheu o Baixo de Bugarín onde se proxectou a película. 

Despois do coloquio tivo lugar tamén no Torreiro a sesión vermú Povarelo na que participaron as violinistas María Jorge, Aldara Souto, Begoña Riobóo e Antía Ameixeiras, xunto ao tamén violinista Carlos Quintá e ao músico Pancho Álvarez, que ademais é o director do documental “Florencio, o cego dos Vilares”, que estreouse pola mañá en Cans. Ante un público moi animado tocaron varios temas do repertorio tradicional do propio Florencio, nunha sesión festiva na que gozaron adultos e nenos de todas as idades. 

Xa pola tarde continuou a actividade en Cans con coloquios e proxeccións e o homenaxe ao Can de Pedra, situado na rotonda de Adroza, e a colocación dos Chimpíns no Muro dos Chimpíns. Ás 21.30 comezou a Noite dos Veciños, unha festa dedicada aos verdadeiros protagonistas do festival, que neste XX aniversario do evento contou coa estrea do documental “De casa en casa”, de Juanma Lodo, baseado no proxecto Cans 303, a presentación do xurado dos veciños e veciñas e un gran final coa actuación das Pandereteiras de Cans e Acordecans. 

XOVES CON ACTIVIDADE EN CANS E O PORRIÑO

A xornada de hoxe conta de novo cunha programación chea de propostas interesantes para todos os públicos. Destaca o coloquio que terá lugar a mediodía no Baixo de Carlos de Cans, que reunirá 25 anos despois da súa estrea ás actrices da emblemática serie galega “Mareas Vivas”. Pola tarde a activade desprazarase ao Porriño. No Circulo Recreativo Cultural (17:00) proxectarase a longametraxe “Unicorn Wars”, do director Alberto Vázquez  e a partir das 20:30 terá lugar a apertura oficial do festival coa proxección da película “Honeymoon”, do director Enrique Otero, que contará coa asistencia do equipo do filme. A actuación de Paloma, tamén no Circulo Recreativo Cultural, pechará a xornada.