Un ano máis o Festival de Cans bate o seu récord de curtas inscritas

O Festival de Cans bate un ano máis o seu récord de curtas inscritas, pois recibiu na súa convocatoria para as seccións oficiais a concurso un total de 252 producións galegas, o que supón máis dun 7% de incremento con respecto á edición anterior, na que chegaran 235 traballos. Cabe destacar que esta é a cifra de pezas audiovisuais que cumplen os requisitos necesarios para poder ser valoradas á hora de formar parte das categorías a concurso, xa que de ter en conta todo o material recibido, a cifra sería superior ás 300 obras. Divididas por categorías recibíronse un total de 68 curtametraxes de ficción, 43 de non ficción, 15 de animación e 105 videoclips. Ademais, recibíronse tamén 21 obras de diferentes formatos, que nalgúns casos comporán as diversas seccións paralelas do festival.

Estes datos constatan que estamos nun prolífico momento na creación audiovisual galega, e que edición tras edición, o festival pode acadar un paso adiante, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. A organización móstrase tamén gratamente sorprendida da boa acollida da súa nova categoría competitiva, Furacáns, na que se recibiron, tal e como se citou anteriormente, 43 obras de non ficción.

Con respecto ao apartado de curtametraxes de ficción, segue rexistrándose -ao igual que nos pasados anos- un gran volume de traballos de creadores e creadoras galegos que viven e desenvolven a súa actividade profesional fóra de Galicia. Así o constatan as produción recibidas dende lugares como Madrid, Barcelona, Sevilla, Bilbao, Portugal, Inglaterra, Estados Unidos, Italia ou Hungría. Obsérvase tamén como dato moi positivo a recepción do mesmo número de curtametraxes de animación que na pasada edición pese a ser unha modalidade que esixe un traballo moi complexo, o que garante a constitución desta categoría nesta edición do festival.

No tocante aos videoclips, esta foi a categoría que máis medrou con respecto ao 2017, ao recibirse 105 pezas fronte ás 73 da pasada edición. As pezas recibidas nesta categoría, que abranguen estilos tan distintos coma o folk, o rock, o hip-hop, o funk, o pop ou a música electrónica, competirán na Noite Gía dos videoclips, que se celebrará na noite do xoves 24 de maio.

Dá comezo agora para a organización un exhaustivo e laborioso proceso de visionado e selección, que se prolongará durante varias semanas e a través do cal se elixirán as obras finalistas en cada categoría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2 × three =