Rodrigo Sorogoyen e o Gran Wyoming súmanse ao programa da edición máis internacional de Cans con cineastas de ata seis países

➡ DESCARGA AQUÍ O DOSSIER DE PRENSA DA XVI EDICIÓN DO FESTIVAL DE CANS

A Casa do Cid acolleu a presentación da programación completa do Festival de Cans, cando quedan menos de 15 días para que arrinque esta XVI edición. Esta mañá desvelouse unha das novas máis destacadas do programa: a visita do cineasta Rodrigo Sorogoyen, que participará no Coloquio no Espazo Estrella Galicia da Leira de Alicia. O director madrileño chega a Cans para conversar sobre o seu cinema no ano da súa consagración logo de ter gañado os Goya á Mellor Dirección, á Mellor Película ou o Mellor Guión por El reino, e ser nominado aos Oscar pola curta Madre. Esta peza poderá verse en Cans xunto con Timecode, de Juanjo Giménez, no Jalpón dos Oscar, unha sección especial que xuntará aos dous cineastas no Jalpón de Alicia. A parte musical do Festival trae a visita doutra cara imprescindible no audiovisual español: o Gran Wyoming, que chega a Cans para celebrar os 10 anos da súa banda, para colocar a súa estrela no Torreiro e repasar a historia do rock acompañado por Los Insolventes.

Os grandes nomes e o completo de actividades non impiden que o foco do Festival de Cans estea posto, coma sempre, nas curtametraxes, das que se revelaron as seccións oficiais de Ficción e Animación, con dez e cinco filmes respectivamente, e apostas como a de ExtraCans (cuxas entradas xa están á venda na tenda oficial), con pezas de diversos lugares do mundo que achegarán ata Cans cineastas chegados de Armenia, Estados Unidos, Francia ou Suíza, nas que participan profesionais galegos. Alfonso Pato, director do festival, destacou precisamente o carácter cada vez máis internacional do Festival, que este ano inclúe tamén a retrospectiva a Hannes Stöhr e pezas de Paulo Furtado ou Pedro Maia, “formando así programación composta por 152 obras audiovisuais 16 esteras absolutas de curtametraxes e máis de 40 actividades”. Resaltou “tamén unha das liñas transversais da programación desta edición que ten á muller como centro e que se reflicte na sección Ultravioleta, filmes realizados con perspectiva feminista, pero tamén nas actuacións musicais do Escenario Fundación SGAE, ou o decálogo de visibilidade das mulleres de Cans.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, felicitou á organización por “realizar un festival cuns sinais de identidade ben marcados e a vinculación coa veciñanza”, mentres Xosé Leal, Deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, celebrou que “Cans ademáis de ser un certame que atrae talentos de aquí e fóra, ten unha función importante na súa labora de educar a todo de públicos través do cinema”.

Repasando as novidades do programa, Alfonso Pato sinalou a riqueza do cartel musical, que ademais de Wyoming y Los Insolventes incorpora o pop electrónico de Aries, o verbo combativo de Dakidarría en formato acústico, o particular soul de Patricia Moon, o folk reformulado de Raiceira, e a canción de autora de MJ Pérez ou Su Garrido Pombo. Tamén fixo especial fincapé na sección Fillas e fillos de Cans, na que cineastas con conexión co Festival ofrecen ao público o privilexio de ver imaxes inéditas dos seus filmes antes de estrealos. Desta volta coñeceránse filmes como o documental Beiras. Vivir 2 veces, de Jorge Coira, que chegará a Cans acompañado do político Xosé Manuel Beiras, protagonista do documental, ou El Santa Isabel, de Paula Cons. Ese vínculo duradeiro que Cans constrúe con cada cineasta tamén se deixa ver, como subliñou Pato, na presenza na Sección Oficial a Concurso de vellas e vellos coñecidos do Festival como Sandra Sánchez, Fran X. Rodríguez, Pedro Sancho, David Fidalgo Omil ou Borja Santomé. As caras familiares comparten protagonismo con figuras emerxentes do audiovisual galego, como as que representan na mesma competición directoras da xuventude de Nacho Ozores, Lucía Estévez, Noelia Muíño ou Aldara Pagán. A delegada en Galicia da Fundación AISGE, Isabel Blanco, falou sobre a parte da programación que eles mesmos coordinan, e destacou tamén a importancia de Cans como espazo de debate para público, profesionais e asociacións nos diferentes encontros desta edición: o encontro “20 anos de Mareas Vivas” con actrices e actores como Camila Bossa, Víctor Mosqueira ou Miguel de Lira; Proxecto Orballo e Pioneiras e Pioneiros.

Así mesmo, a presentación contou coa presenza de Cris Iglesias, unha das compoñentes do Xurado de Ficción e Animación e actriz do Grupo Chévere (cuxa obra máis aclamada, Eroski Paraíso, se pre-estreará en Cans en formato cinematográfico). Iglesias, que compartirá a deliberación cos cineastas Andrés Goteira, Alberto Vázquez, Zaza Ceballos e Juanjo Giménez, a tamén actriz Melania Cruz e o músico Xosé Manuel Budiño, destacou “o apoio do festival á intérpretes e creadores que está comezando”. O Xurado de FuraCans, a sección de Non Ficción, confórmano nesta edición dous cineastas (Xacio Baño e Liliana Torres) e a xornalista de Radio France International Isabelle Le Gonidec, presente gracias ao Programa de Internacionalización da Cultura Española de Acción Cultural Española (AC/E). O Xurado de Videoclips composto polo realizador e músico Carlos Alberto Alonso, a cantante e compositora Patricia Moon e o músico e realizador Paco Serén. Os xurados complétanse, como é tradición, co da veciñanza de Cans: Suso de Placer, Mercedes da Graña, Lourdes do Monte, Mucha de Luis e Iván Táboas.

A programación xunta este ano ao mundo artístico entretecéndoo coas veciñas e veciños de Cans, co cinema funcionando como eixo dunha atención a públicos diversos. O programa Cans Participa atende así a persoas de todas as idades, fomentando a súa creatividade e aprendizaxe en actividades como o roteiro CanSonoro (con Xurxo Souto), os roteiros cinéfilo-literarios (con Carlos Meixide e Xosé Antonio Perozo) ou Cans do Futuro, centrada en “Oficios Invisibles”, actividade realizada en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, na que a rapazada se achegará a traballos como o vestiario, a dirección de fotografía ou a montaxe a través de profesionais como Alicia Saturna, Lucía C. Pan ou Diana Toucedo. As nenas e nenos (e quen os acompañe) terán tamén unha programación ben completa na sección MiniCans, que conta ademais co patrocinio de Gadis, con música, proxeccións e numerosos obradoiros para os máis pequenos. A alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, parabenizou á organización pola programación e suliñou o tan merecido Premio da Cultura Galega que recibiu este ano o Festival.

Tamén estiveron presentes na Casa do Cid representantes de varios colaboradores e patrocinadores do Festival, como José Redondo, delegado de Estrella Galicia de Vigo, que neste ano que inicia unha colaboración nun dos espazos máis emblemáticos do Festival, Juan Rivas, da Fundación SGAE, comentou a ledicia de continuar participando en Cans co escenario do Cans Voulevar. A programación desta edición complétana actividades que abren a relación do Festival con outras artes e modos de expresión, como a gastronomía, co showcooking de Kike Piñeiro de A Horta d’Obradoiro, co apoio de Galicia Calidade; a fotografía (coa primeira exposición da historia do festival Outra pel, outro rostro de Cris Andina) ou a literatura (coa nova sección LendoCine).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

19 − eleven =