Rebobinando “El desconocido”

O ano pasado no Festival de Cans estreamos unha sección que era unha aventura arriscada baixo o título “Rebobinando, o filme contado” e que consistía en propoñerlle a un director que contase os segredos da súa película en tempo real, falando cun micro ao mesmo tempo que transcorría a proxección, durante os silencios do filme. Ignacio Vilar foi o primeiro cineasta que se prestou a tal xogo con A Esmorga. Tanto lle gustou o resultado que acabou metendo os seus comentarios nos extras do DVD do filme. Foi unha grande escusa para ter un encontro diferente co público.

A sección foi moi comentada entre os profesionais do sector e moi agradecida polo público asistente, que puido dialogar co director, polo que decidimos incorporala á programación habitual do festival, como sección singular dedicada ás producións que se popularizan nas pantallas cada tempada. Deste xeito, nesta edición recollerá o relevo deste reto Dani de la Torre, para explicar en directo El Desconocido, sen dúbida unha das películas do ano. Esta proxección contada será o xoves 19 de maio ás 17h00 no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño e nela o director estará acompañado polos dous premios Goya que conseguiu a cinta, Jorge Coira na categoría de montaxe e David Machado na de son, os tres profesionais do sector audiovisual moi vinculados ao festival, onde xa teñen participado coas súas curtametraxes e filmes e onde os espectadores viron medrar o seu traballo.

Protagonizada por Luis Tosar e Javier Gutiérrez, outros dous fieis de Cans, e producida por Vaca Films, El desconocido estreouse nas salas comerciais españolas o 25 de setembro de 2015 e situouse entre os filmes máis taquilleiros da última tempada, cunha recadación superior aos 6 millóns de euros e medio millón de espectadores. Recibiu en total 8 nominacións aos Premio Goya, 15 aos Premios Mestre Mateo, 6 aos Premios Feroz e 7 ás Medallas CEC. Ademais, Dani de la Torre foi recoñecido co premio “El Ojo Crítico” de RNE por este traballo.

É a ópera prima deste director e guionista que se forxou en Cans, onde competiu en varias ocasións na sección oficial coas súas curtametraxes, acadando o premio do xurado en 2009 pola curta X nada, e onde presentou os seus proxectos na sección Fill@s de Cans. O festival cumpre así o seu obxectivo de facer seguimento, visibilizar e impulsar o traballo dos cineastas que van medrando con el edición tras edición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nine − 9 =