“Psiconautas”, unha fantasía negra de animación

Esta mañá presentouse no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño Psiconautas, o filme de estrea de Cans 2016. Tras gañar o Premio Lurra Green Peace do Festival de San Sebastián en 2015 e, máis recentemente, o premio á Mellor Película de Animación no Golden Kuker-Sofia e o Stuttgart Film Festival, chega para proxectarse na súa estrea galega ante o público do festival. Tal e como apuntou o seu codirector, Pedro Rivero, “péchase así unha etapa do filme que comezou coa curtametraxe Birdboy, que gañou en Cans no 2011″. O director describiu ao filme como “unha fantasía negra realista de animación para adultos, pero tamén para todos os púlicos” e quixo destacar que “hoxe en día a produción de obras de animación en Europa está medrando e xa non se limita soamente a países asiáticos”.

Enrique San Francisco, actor de dobraxe do filme, quixo facer fincapé na súa ledicia ao compartir de novo proxecto con Pedro e avanzaron que esta non será a última. Tamén quixo lembrarse dos novos realizadores e realizadoras, filosofía que comparte coa esencia do festival, e das dificultades económicas que ás veces teñen para sacar os seus proxectos adiante.

Alfonso Pato, director do Festival de Cans, pola súa banda, salientou a parte galega da produción de Psiconautas, levada a cabo pola produtora Zirzocine, alegando que “os seus impulsores, Farruco Castromán e Luís Tosar, sempre amosan o seu apoio ao festival intentando vir a el edición tras edición cos filmes que producen”. Tamén amosou o seu apoio ao certame María José Giráldez, presidenta do Círculo Recreativo e Cultural do Porriño, amosando o seu desexo de poder colocar o can amarelo, emblema do festival, nos próximos anos e agardando “mil primaveras máis para Cans”.

rolda_psiconautas2_web

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

5 × five =