OS GOYA PASAN POR CANS

O Festival de Cans quere dar os seus parabéns a todas as galegas e galegos nominados ós Premios Goya, a maioría moi ligados ás últimas edicións de Cans onde foron recoñecidos con múltiples premios.

Javier Gutiérrez, nominado a mellor actor por “Campeones”, levou o premio a mellor actor en Cans en 2014 pola curta “Tupper”, e  o premio Pedigree de Honor en 2015. Luis Zahera, nominado a mellor actor de reparto por “El Reino”, levou o Can de Pedra en Cans a mellor actor en 2008 pola curta “Conversa cunha muller morta”, e en 2012 por “Rosita y Jacinto”.

Para o festival tamén é unha enorme satisfacción ver entre os nominados á mellor curta de ficción a Álvaro Gago e na mellor curta de animación a Chris CembeGago está nominado por “Matria”, que na pasada edición bateu o récord de Cans de Pedra da historia do noso festival, o acadar catro recoñecimentos. Ademáis en 2015 tamén gañou en Cans coa curta “Curricán”. Pola súa parte, o cangués Chris Cembe, que está nominado pola curta de animación “Soy una tumba”, gañou o Festival de Cans en 2016 coa curta de animación “Viaje a Pies”. As nominacións completánse co músico de Catoira, Manu Riveiro, nominado con Xavi Font á mellor banda sonora polo filme “La Sombra de la ley”. Riveiro gañou en Cans o premio á mellor banda sonora orixinal pola música da curta de animación “The Magic oven”.

O cadro de honor complétase coas 6 nominacións de “La Sombra de la ley” de Dani de la Torre, e a nominación a mellor documental de “Sad Hill desenterrado” de Guillermo de Oliveira. En Cans tivemos o privilexio de ver as primeiras imaxes destes dous filmes, na sección “Fillxs de Cans”. 

Cans tamén quere felicitar a Ángel de la Cruz, coguionista e coprodutor do filme de animación “Memorias de un hombre en pijama”, nominado a mellor película de animación e á maquilladora Raquel Fidalgo, tamén nominada.

Todas estas nominacións ratifican o traballo do noso festival, tanto na selección dos traballos como no apoio ás novas creadoras e creadores. Viva o cinema galego e viva Cans!