O FESTIVAL DE CANS PARTICIPARÁ NO ENCONTRO “CULTURA Y CIUDADANÍA” EN MADRID

O Festival de Cans estará presente no V Encontro “Cultura y Ciudadanía”, que se celebra ao longo desta semana no Centro de Creación Contemporánea Matadero e outros espazos en Madrid. Este encontro é un dos eventos de reflexión e debate cultural máis prestixiosos de España, e nesta edición xira arredor do concepto de espazo público e da súa construción e apropiación –individual e colectiva– a través da cultura e das súas prácticas.

Entre as iniciativas participantes, o Festival de Cans é o único festival galego de cine, música ou artes escénicas que foi convidado a este encontro e estará representado en Madrid polo seu director, Alfonso Pato. A súa intervención terá lugar o xoves 24 de outubro ás 17h30 no Auditorio Casa del Lector de Madrid, nunha mesa sobre “Espazo público e participación cultural democrática”, na que fará unha exposición do proxecto do festival en relación ás temáticas centrais desta edición.

O encontro “Cultura y Ciudadanía” é un programa impulsado polo Ministerio de Cultura e Deporte, que contará coa presenza do ministro José Guirao. A través deste programa analízanse procesos de vertebración e dinamización do territorio, o impacto dos eventos no desenvolvemento económico e os diferentes procesos de construción e transformación da sociedade contemporánea. O Ministerio de Cultura trasladou o seu convite ao Festival de Cans, ao considerar que achega, no ámbito dos certames cinematográficos, “novos modelos de xestión, unha metodoloxía de traballo específica e busca a innovación social”.

A presenza e representación do Festival de Cans neste Encontro “Cultura y Ciudadanía” do Ministerio de Cultura e Deporte, supón un importante recoñecemento para o traballo que leva realizado o certame no ámbito da acción cultural no medio rural, do traballo de co-participación arredor do cinema coas veciñas e veciños de Cans e no obxectivo de provocar reflexións sobre o territorio, que destaca no traballo continuo que desenvolve coa Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña (ETSAC) coordinado polo arquitecto Juan Creus. A este convite do Ministerio súmase a incorporación do Festival de Cans no pasado mes de setembro á “Cartografía de Cultura y Ruralidad”, un proxecto para catalogar os eventos culturais máis relevantes de todo o Estado que se celebren en contornos rurais.