O Festival de Cans segue adiante e abre a convocatoria da Can Parade

O Festival intenta continuar o seu traballo para reordenar a súa programación e convoca unha nova edición da Can Parade, que este ano se desenvolverá na Praza do Concello.

O Festival de Cans trata de volver á normalidade despois da convulsión que supuxo a noticia da decisión da Agadic de deixalo fóra das axudas, xunto con outros catro festivais de cinema, entre os que se atopan algúns dos máis relevantes de Galicia. O Festival segue reordenando a súa programación e intentando facer unha proposta o máis digna posible. En paralelo, continúa tamén adiante o seu recurso, xunto coa Coordinadora de Festivais, para tratar de solventar esta situación anómala e completamente inédita no proceso dunhas axudas.

Neste recurso, o festival presentará a través do seu avogado o documento que xustifica o rexistro do intento de acceso que fixo á sede electrónica da Xunta, xusto uns días antes de pechar o prazo, así como as alegacións pertinentes, dado que a documentación foi enviada no prazo de tempo correspondente.

Ante esta delicadada situación, o Festival de Cans trata de buscar contrarreloxo patrocinadores privados cos que poida cubrir a parte do orzamento que perdeu ao non contar con esas axudas. Segue aberta a campaña “apadriña ou amadriña un jalpón”, e tamén calquera tipo de patrocinio que poida encaixar na dinámica do festival. Calquera persoa ou empresa interesada pode contactar coa organización a través das redes sociais do festival, ou do mail patrocina@festivaldecans.com.

O Festival de Cans quere tamén agradecer publicamente as mostras de solidariedade e apoio recibidas desde todos os puntos de Galicia, de asociacións e profesionais do mundo do cine, e da alcaldesa do Porriño Eva García, así como de todos os partidos políticos que configuran a Corporación Municipal do Porriño.

ÁBRESE A CAN PARADE

Mentres tanto, o Festival segue adiante poñendo en marcha as actividades que pode asumir.  Desde hoxe queda aberto o prazo da Can Parade, a súa cita anual coa arte e os creadores e creadoras máis novos, que este ano cambiará a súa ubicación trasladándose á Praza do Concello.

As persoas interesadas en formar parte da mostra deben remitir un correo electrónico a canparade@festivaldecans.com antes do 28 de abril, no que manifesten o seu desexo de participar e inclúan os seus datos persoais, a súa formación e un portfolio, imaxe, documento ou enlace web no que se poidan ver algúns dos seus traballos (web persoal, perfís ou páxinas en redes sociais: facebook, twitter, instagram, tumblr…) para poder ser avaliados á hora de realizar a escolla. Unha comisión de persoas da organización do Festival, coordinada por Alberto Alcalde, escollerá aos 10 creadores finalistas.

A través desta iniciativa, o Festival convida a artistas, deseñadores, creadores ou colectivos de calquera disciplina e de calquera punto de Galicia a decorar libremente a silueta do seu emblema oficial, o Can de Cans, sen ningún tipo de restricións técnicas nin materiais. Nas últimas edicións participaron artistas das máis diversas disciplinas, tales como fotógrafos, graffiteiros, creadores de artes plásticas ou debuxantes de banda deseñada, e das catro provincias galegas e de Portugal.

DESCARGA AS BASES CAN PARADE 2017 AQUÍ

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

3 × three =